O BNG reclama a dimisión de María Faraldo despois da apertura de xuízo oral
Non é de recibo que mentres a xente está pasándoo mal o PP se dedicase a facer clientelismo en Betanzos con cartos de todas e todos para tratar de manter a cadeira
Betanzos, 2 de xullo de 2014. O BNG reiterou a súa exixencia de dimisión inmediata a María Dolores Faraldo Botana, deputada, exalcaldesa e concelleira do PP, logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acordase abrir o xuízo oral contra ela por prevaricación e falsedade documental na contratación irregular dun profesor para o Conservatorio.
Respectamos a presunción de inocencia pero na representación política hai que ser exemplar, cousa que ademais Feijóo defendía non hai moito, indicou o portavoz nacionalista, Henrique del Río. Mantendo a Faraldo no Parlamento, Feijóo está incumplindo a súa promesa de non ter persoas imputadas ocupando escanos, insistiu o voceiro do BNG.
O PP contribúe ao descrédito da política con estas actitudes, advertiu Del Río. Cando se trata de cartos e empregos públicos hai que ser sempre rigorosísimos, sobre todo coa que está caendo, engadiu. Non é de recibo que mentres a xente está pasándoo mal o PP se dedicase a facer clientelismo en Betanzos con cartos de todas e todos para tratar de manter a cadeira, saltando incluso por riba das Leis, censurou.
Por este motivo, desde o BNG reclaman que María Faraldo dimita inmediatamente como concelleira en Betanzos e deputada no Parlamento de Galiza. O PP dá leccións de ética a todo o mundo e á hora de pasar das palabras aos feitos nunca se aplica os seus discursos, insiste.
Os nacionalistas recordan que o PP incluíu a Faraldo en postos de saída na candidatura para as últimas eleccións ao Parlamento de Galiza para facela aforada e tratar de eludir a Xustiza. Que prediquen co exemplo agora que desde o PP falan de eliminar aforados retou Del Río.