O BNG reclama que o Concello asuma o copago en todos os casos
O PP no goberno do Estado vai facer pagar polos medicamentos aos doentes crónicos dando un paso máis para acabar coa sanidade pública, o PP na Xunta está a favor desa medida e a voceira do PP apóiaa publicamente a pesar de ser médica e non lle provoca ningún conflicto ético. E aínda queren facernos crer que grazas a eles as persoas en risco de exclusión social van cobrar?.
Betanzos, 25 de outubro de 2013. O BNG reclamará no Pleno que o Concello de Betanzos asuma o repago farmacéutico en todos os casos se a Xunta non dá marcha atrás e continúa coa súa aplicación. Henrique del Río e María Otero aseguran na moción que presentan ao Pleno que sería lamentábel que o goberno do PSOE crease expectativas na nosa veciñanza facendo crer que está disposto a que os fondos municipais asuman este copago, cando a realidade é que pretende que só sexa en casos graves de emerxencia social e non para toda a veciñanza que o precise.
Os nacionalistas aluden ao anuncio feito polo goberno local o pasado día 15, que dá a entender que asumirá o copago cando en realidade tan só o farán nos supostos da ordenanza de emerxencia social. Os concelleiros do BNG explican que esta ordenanza prevé unha achega máxima de 400 euros anuais por familia, para englobar os gastos de vivenda, alimentación e outros imprescindíbeis polo que en casos de enfermos crónicos este novo copago vaise incluir na mesma cantidade que antes correspondería para outros gastos.
Advirten ademais de que haberá moitos casos de veciños e veciñas que non estando en risco de exclusións social, si que estean nunha situación económica complicada e aos que o goberno local pensa que non é necesario pagar os medicamentos en caso de enfermidades crónicas. Esta debe ser a sanidade pública universal que defende o PSOE, ironizan á vez que censuran que o executivo do PSOE faga propaganda a costa dun tema sensíbel coma este, o desmantelamento de dereitos e servizos públicos e o seu troco por caridade.
Desde o BNG reclaman ao goberno local que tome parte activa no movemento social impulsado polo concello de Riotorto para pedir da Xunta a non aplicación desta resolución. A tal fin, demandan ao goberno local que secunde o chamamento feito por Riotorto a Concellos, sindicatos, asociacións veciñais, colectivos profesionais da sanidade e todo tipo de entidades sensibilizadas por este tema a fin de constituír un movemento social que demande da Xunta que, como outras comunidades autónomas, non aplique esta medida antisocial do goberno central do PP.
No BNG temos claro que é a Xunta quen ten a potestade de negarse a aplicar esta decisión do goberno Rajoy explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. No caso de que o goberno galego abandone á súa sorte a unha parte considerábel do pobo galego, entendemos que os Concellos deben, como administración máis próxima ao pobo, asumir esta medida inxusta que pretende facer da sanidade pública un artigo de luxo dispoñíbel só para os petos máis privilexiados, engade.
O PP no goberno do Estado vai facer pagar polos medicamentos aos doentes crónicos dando un paso máis para acabar coa sanidade pública, o PP na Xunta está a favor desa medida e a voceira do PP apóiaa publicamente a pesar de ser médica e non lle provoca ningún conflicto ético, engaden desde o BNG. E aínda queren facernos crer que grazas a eles as persoas en risco de exclusión social van cobrar? Cando menos é lamentábel que no PP betanceiro non teñan un mínimo de vergoña e dignidade pretender aínda encima tirar proveito electoral desto, lamenta Del Río.
Por este motivo, os nacionalistas pedirán no Pleno que o Concello de Betanzos asuma o repago en todos os casos e non só nas situacións máis dramáticas. Non só en casos de exclusión social facendo practicamente caridade, senón en todos os casos, asegura.