O BNG exixe ao PSOE transparencia para chegar acordos nas taxas
Se o PSOE quere chegar a algún tipo de acordo non pode ser desde a ocultación e a mentira. O primeiro paso debe ser facer públicos os datos reais e explicalos e dar a cara diante da nosa veciñanza.
Betanzos, 24 de outubro de 2013. O BNG mostrouse disposto a falar co PSOE sobre a modificación das ordenanzas fiscais e a intentar chegar a acordos polo ben dos veciños e veciñas. Desde o BNG estamos encantados de que se poidan ter en conta algunhas das nosas propostas, que xa fixemos públicas, porque entendemos que beneficiarían á maioría da nosa veciñanza, indicou o voceiro do BNG Henrique del Río. Claro que chegar a acordos é mais doado se hai intención, e ocultar datos ao BNG non parece precisamente unha mostra de que o goberno do PSOE teña intención de chegar a acordo ningún, apuntou.
O voceiro nacionalista replicou ao goberno local do PSOE que cando aseguramos que non se cobra a taxa dos caixeiros en 2012 é porque así o di a conta xeral. Se a conta xeral non recolle fielmente os gastos e ingresos do Concello nas súas correspondentes partidas e os datos van onde lle peta ao goberno e non a onde teñen que ir, o resultado é que só o goberno sabe como gasta ou ingresa, indica. Isto tradúcese en opacidade, en ocultarlle á veciñanza que fai o PSOE cos cartos de todas e todos, asegura.
A falta de transparencia do goberno local na xestión de recursos públicos é scandalosa, é por certo xusto o contrario do que prometeron cando chegaron ao goberno, criticou del Río. Igual nos debían enviar unha táboa de en que concepto contabilizan cada gasto e ingreso na conta xeral, porque como imos saber se os ingresos por transportes especiais aparecen, poñamos o caso, en gastos de persoal?, ironizou.
Os nacionalistas insistiron en que aínda así os datos que o goberno fixo públicos onte non son os que corresponderían á aplicación da taxa, por certo igual que sucede coa taxa de transportes especiais. O goberno local di que ingresou 960 euros por catro caixeiros, cando o establecido son 248,16 por cada caixeiro, se fas a conta o ingreso xa terían que ser 992, 64 euros, criticou o portavoz nacionalista, a non ser que os 30 euros que faltan vaian contabilizados na taxa do guindastre.
O mesmo sucede coa taxa polos transportes pesados que cruzan o centro da cidade, polo que ingresaron 80 euros cando o tipo mínimo son 170, non entendemos que taxa están aplicando, insistiu. En calquera caso, calculando a suba do IPC no 0.3 por cento o que o PSOE propón subir a cada entidade financeira serían 0.78 euros. Non sabemos se cos beneficios multimillonarios que están tendo os bancos grazas as axudas públicas poderán asumir esta subida, ironiza.
No tocante á taxa do Conservatorio, os nacionalistas aseguran que non se pode pretender financiar o servizo a costa unicamente dos usuarios e usuarias. Desde o BNG insisten en que se debe mancomunar un servizo que de feito xa é comarcal e reclaman ao alcalde do PSOE que igual que convoca aos alcaldes da comarca para pedir máis forzas de seguridade, o faga para garantir servizos educativos na comarca.
O PSOE non pode pretender que as familias asuman a parte que Xunta e Deputación deixan de financiar do Conservatorio, aseguran. O ensino formal ou non formal non se pode avaliar en termos de beneficio económico, é un servizo e polo tanto o goberno local ten a obriga de asegurar que non hai unha discriminación para acceder por razón da renda, aseguran desde o BNG.
Os nacionalistas exixiron ao PSOE toda a información sobre as subidas que planean levar a cabo nas taxas e que deixen de manipular os datos para intentar enganar a veciñanza. Se o PSOE quere chegar a algún tipo de acordo non pode ser desde a ocultación e a mentira, explicou del Río, o primeiro paso debe ser facer públicos os datos reais e explicalos e dar a cara diante da nosa veciñanza.