O BNG reclama a apertura da aula de estudo en época de exames para cubrir as necesidades da mocidade
Non é normal buscar excusas para xustificar que o estudantado teña que se desprazar ate A Coruña ou Ferrol para poder estudar polas noites habendo locais municipais baleiros e sen uso.
Betanzos, 29 de maio de 2013. O BNG reclamou no Pleno a reapertura da sala de estudo para ampliar o horario e apoiar o estudantado nestas datas de exames. Desde o BNG indican que o horario da biblioteca (de 10 a 14 horas e de 16 a 21 horas entre semana e sábados de 10,30 a 13 horas) resulta claramente insuficiente e hai demanda social para que se abra un aula de estudo cun horario máis amplo.
A concelleira do BNG María Otero lembrou que o ano pasado, a iniciativa do BNG, o goberno local abriu unha sala de estudo no ex-convento de San Domingos, en teoría para complementar a oferta da biblioteca. As persoas que empregaron este servizo teñen manifestado o seu malestar polo amoblamento e dotación das instalacións e polo feito de que o horario de apertura da sala de estudo fose exactamente o mesmo que o da biblioteca, indicou.
A proposta de Galiza Nova de crear a sala era precisamente para permitir un horario máis amplo que o da biblioteca en datas especialmente sensíbeis para o estudantado recordan desde o BNG. A configuración do horario provocou un uso discreto: se podes escoller entre dúas salas co mesmo horario optas pola que mellores condicións dá ironizan.
Por este motivo, desde o BNG reclamaron que se abra novamente a aula de estudo amañando as deficiencias de dotación en mobiliario e calefacción de forma que resultase atraínte para os usuarios. Diante da importante demanda social entre a mocidade betanceira, os nacionalistas reclaman que se poña en marcha un programa de voluntariado que permita que o propio estudantado, autoorganizado, xestione os horarios da mesma.
Non é normal buscar excusas para xustificar que o estudantado teña que se desprazar ate A Coruña ou Ferrol para poder estudar polas noites habendo locais municipais baleiros e sen uso, denuncia o voceiro do BNG, Henrique del Río.