O BNG propón que Betanzos rexeite a Lei Wert
Os nacionalistas piden que o Concello desenvolva unha campaña informativa sobre a Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, en que se informe ás mulleres dos recursos cos que contan para interromperen voluntariamente o embarazo.
Betanzos, 27 de maio de 2013. O BNG pedirá no Pleno que o Concello de Betanzos reclame á Xunta da Galiza que recorra, ao igual que xa anunciaron Euscadi e Cataluña, a Lei Wert por invadir as competencias exclusivas de Galiza. Os nacionalistas cuestionan o contido da lei xa que, entre outras cousas, dentro dun proxecto xerárquico, as materias pasan a clasificarse en diferentes categorías e o galego deixa de ser lingua troncal e recibe, desta maneira, unha consideración inferuior á da primeira lingua estranxeira.
Levamos tempo asistindo a unha situación esperpéntica, por canto existen sectores políticos e mediáticos que pretenden trasladar á opinión pública a idea de que o idioma castelán corre perigo na Galiza por mor da suposta discriminación a que se ven sometidas as persoas que falan nesta lingua, denuncian desde o BNG.
Segundo Henrique del Río e María Otero, concelleiros do BNG en Betanzos, a LOMCE esconde baixo a falsidade dunha pretendida liberdade de idioma a posibilidade de non estudar en lingua galega. Isto, aseguran, responde unica e exclusivamente ao ideario do PP, como o feito de que se facilite con diñeiro público a escolarización do alumnado que así o decidir en centros privados.
Non deixa de ser relevante a falta de diálogo social con que o PP aprobou e pretende desenvolver a LOMCE, sen participación da comunidade educativa, das asociacións que representan os diferentes colectivos implicados e con grande oposición social e política aseguran. Nesta falta de diálogo encadran o papel de relevancia que o PP outorga na Lei á asignatura de relixión católica ou o retroceso na democratización dos consellos escolares.
Por este motivo, desde o BNG propoñen que o Concello de Betanzos reclame a retirada da LOMCE e que se inste a Xunta e goberno central a que o sistema educativo potencie a diversidade lingüística e fomente a lingua propia do noso país, partindo das distintas realidades lingüísticas que caracterizan o Estado español.
Moción sobre a reforma da Lei do aborto
O BNG presentou outra moción para que o Concello reclame da Xunta a pór en marcha as medidas necesarias para garantir que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios, coa finalidade de garantir a igualdade no acceso a esta prestación.
Os nacionalistas denuncian que coa reforma puramente ideolóxica que pretende levar adiante o goberno central do PP dáse un retroceso dunha década que vulnera dereitos consolidados das mulleres no referido á súa saúde sexual e reprodutiva. En base a premisas falsas e mentiras sobre o que se establece na actual lei, a nova normativa impulsada polo Ministro de Xustiza pretende aplicar o programa ideolóxico dos grupos ultra relixiosos que se opoñen aos dereitos das mulleres sen responder, en ningún caso, a criterios económicos nin sanitarios, advirten.
Na moción, o BNG insta ao Concello a poñer marcha unha campaña institucional de información e divulgación sobre a Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, en que se informe ás mulleres dos recursos cos que contan para interromperen voluntariamente o embarazo e en que se transmitan mensaxes contra a modificación desta lei.