O BNG reclama ao PSOE que redacte un novo orzamento de forma participativa e axustado á realidade
Os nacionalistas reclaman que o PSOE fixe nos orzamentos a cantidade necesaria para asumir o copago farmacéutico. Que demostren que van en serio neste tema, que dean o paso e o inclúan nos orzamentos para demostrar que é algo máis que propaganda para ir de progres.
Betanzos, 15 de novembro de 2013. O BNG reclamou ao goberno local do PSOE que redacte un orzamento para 2014 contando coa participación da veciñanza. É obvio que a realidade cambiou moito desde que se aprobaron os últimos orzamentos hai ano e medio e Betanzos precisa uns orzamentos adaptados á realidade do momento actual, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Estamos na metade do mes de novembro, Xunta e goberno central están aprobando as súas contas e modificando as achegas aos concellos e é imposíbel facer un control do gasto ou planificar investimentos cunhas contas de hai ano e medio que non recollen estas cousas, indicou o voceiro nacionalista. Agardamos que o goberno do PSOE non pretenda saltarse a Lei outra vez e manter prorrogado un ano máis o orzamento de 2012, insistiu.
Así, os nacionalistas advirten que as contas do 2012, que precisaron de 33 modificacións nos tres meses que estiveron vixentes, non solucionan os problemas actuais. A conta xeral do 2012 demostrou até que punto o orzamento era ficticio e non reflexaba a realidade, asegura o edil do BNG.
Os nacionalistas reclaman que o novo orzamento se faga de xeito participativo, contando coa opinión da veciñanza e non de costas a ela, como sucedeu en 2012. Advirten ao goberno do PSOE de que participación veciñal non é crear consellos sectoriais sen competencias, senón que veciñanza e entidades poidan achegar propostas concretas e opinar sobre o contido dos orzamentos.
Neste sentido, desde o BNG insisten en que facer un orzamento participativo é garantía de maior transparencia, porque a veciñanza pode saber a que se pretenden destinar os seus cartos. Máis transparencia e maior participación veciñal son garantía dunha mellor democracia, explica Del Río.
Por este motivo o PSOE negouse a facer un orzamento participativo hai ano e medio, non estaban dispostos a desvelar en que pretendían gastar os cartos públicos, indica o voceiro nacionalista.
Os nacionalistas advirten que xunto á participación veciñal, o orzamento municipal debe garantir o gasto social e programas de emprego. A pesar dos fondos destinados ao emprego en 2012, o PSOE non levou adiante unha soa iniciativa para tratar de crear emprego na cidade, lamenta. A non ser que contratar irregularmente unha secretaria para organizar as festas de agosto sexa a súa idea de programas de fomento do emprego, ironizou.
Neste sentido, o BNG reclama ao PSOE que adapte os gastos de persoal á realidade. Se xa eran irreais no 2012, a estas alturas calquera parecido coa realidade é unha coincidencia, ironiza o voceiro nacionalista. Os orzamentos teñen que prever as axudas sociais e solucionar dunha vez o problema laboral dentro do Concello, que a actitude do PSOE só enquistou e agravou, explican.
Os nacionalistas reclaman, ademais, que o PSOE fixe nos orzamentos a cantidade necesaria para asumir o copago farmacéutico se a Xunta teima en impoñelo. Que demostren que van en serio neste tema, que dean o paso e o inclúan nos orzamentos para demostrar que é algo máis que propaganda para ir de progres, conclúen.