O BNG lamenta que o PP votara en contra de destinar fondos para a rexeneración da ría de Betanzos
O PP tamén se negou a destinar fondos ao tren de cercanías ou á seguridade viaria nas estradas N-VI e N-651.
Betanzos, 14 de novembro de 2013. O BNG lamentou que o PP votase en contra de mellorar a seguridade viaria nas estradas estatais N-VI e N-651. Os nacionalistas presentaran unha emenda aos orzamentos do Estado para 2014 para incluír un millón de euros para mellora da seguridade viaria na N-VI ao seu paso por Aranga, Coirós, Betanzos e Bergondo. Ademais, solicitaran 500 000 euros para a mellora da N-651 que atravesa Bergondo, Betanzos, Paderne e Miño.
Os deputados galegos do PP antepoñen a submisión ao goberno central aos intereses da veciñanza que en teoría representan, lamentou o voceiro do BNG en Betanzos, Henrique del Río. Logo virá o PP reclamando no Pleno que o Concello garanta a seguridade viaria nas estradas estatais, igual que xa o reclamou para as estradas que son da Xunta de Galiza, engadiu.
Esperamos que o PP non veña a facer agora demagoxia exixindo melloras na seguridade viaria na avenida de Castela, na rúa do Malecón ou en Saavedra Meneses cando se acaban de negar no Congreso a que o Estado, que é o responsábel desa estrada, o asuma, criticou Del Río.
Temos practicamente toda a ría de Betanzos como zona C, pechada ao marisqueo, pero para o PP rexenerala e crear emprego nela non é unha prioridade
Do mesmo xeito, os nacionalistas lamentan que o PP votase en contra de destinar fondos á rexeneración das rías galegas, para o que o BNG pedía 30 millóns de euros. Temos practicamente toda a ría de Betanzos como zona C, pechada ao marisqueo, pero para o PP rexenerala e crear emprego nela non é unha prioridade, denuncia Del Río. Iso si, logo fártanse de facer discursos baleiros e xogos florais sobre a declaración como Reserva da Biosfera dunha ría que está na UCI e á que non destinan un patacón, asegurou.
Desde o BNG cuestionan que a maioría parlamentaria do PP tampouco incluíse a súa emenda para destinar 10 millóns de euros á mellora do trazado ferroviario no eixo A Coruña-Betanzos-Ferrol. Agora queda ben claro que a intención do PP é acabar co tren asegura o edil nacionalista, o PP está buscando suprimir o tren e abrir a porta á especulación cos terreos que ocupan as infraestruturas ferroviarias en toda a área metropolitana.
Para o BNG, o feito de que o PP rexeitase a nosa emenda para poñer en marcha o tren de proximidades é a proba evidente de que cando pretenderon armar unha polémica porque non había fastos abondo para conmemorar o centenario da liña Betanzos-Ferrol, en realidade o PP pretendía darlle unha despedida por todo o alto ao ferrocarril.
O PP rexeitou as máis de 170 emendas presentadas no BNG no Congreso dos Deputados para mellorar as partidas destinadas polo Estado a Galiza e co obxectivo de protexer o Estado de Benestar.