O BNG leva a pleno a situación dos acredores do Complexo San Roque
Esperemos non ver dentro duns anos outra indemnización por responsabilidade subsidiaria do Concello, como é costume nos gobernos do PSOE e o PP, aínda que a eles pouco lles importa porque a pagaremos todas e todos.
Betanzos, 6 de agosto de 2014. O BNG levou a Pleno novamente a situación do estacionamento soterrado e hotel do Complexo San Roque, no antigo asilo Manuel Naveira e de propiedade municipal. É coñecedor o goberno local de que a empresa que xestiona o hotel está a empregar o estacionamento soterrado como trasteiro?, interpelou o voceiro do BNG, Henrique del Río, ao executivo local.
A empresa que xestiona o hotel está a empregar o estacionamento soterrado como trasteiro
Os nacionalistas relataron que varios provedores deste establecemento téñennos feito chegar denuncia de que, ao igual que co Concello, esta sociedade non paga os traballos que encomenda a particulares. Neste sentido, dado que o goberno local asegurou á prensa e no Pleno descoñecer a identidade da empresa que xestiona actualmente esta concesión municipal desde o BNG aseguran que os acredores desta concesión municipal facilitáronnos dous nomes, Proconser Gestión Hotelera SL e EMH-N Gestión Hotelera 1914 SL.
Agardamos que o goberno local teña calibrado ben as responsabilidades que poidan derivar para o Concello en toda esta situación engaden os nacionalistas. Esperemos non ver dentro duns anos outra indemnización por responsabilidade subsidiaria do Concello, como é costume nos gobernos do PSOE e o PP, aínda que a eles pouco lles importa porque a pagaremos todas e todos, aseguran.
PSOE e PP mantiveron a concesión sobre o hotel e o aparcamento a pesar de que se estaba a incumprir porque non pagaban o canon
Desde o BNG demandaron ao executivo do PSOE que aclare se coñece estas sociedades e se realizou algún tipo de xestión ante elas para que o Concello ingrese o que lle adebedan. PSOE e PP mantiveron a concesión sobre o hotel e o aparcamento a pesar de que se estaba a incumprir porque non pagaban o canon, engadiu o voceiro nacionalista. PP e PSOE compórtanse igual, gobernan en beneficio dos intereses das empresas concesionarias e non dos veciños e veciñas. Eles saberán porqué, criticou Del Río.
Desde o BNG critican que o executivo local non dese conta aínda da investigación que o Pleno decidiu abrir sobre esta concesión a proposta dos nacionalistas. Non entendemos que intereses está a defender o goberno do PSOE neste asunto, indica. Mentres que para as concesionarias o goberno fai a vista gorda, para a veciñanza hai suba de taxas todos os anos, censuran desde o BNG.
Desde o BNG recordan que tiveron que reclamar insistentemente que o goberno local informase sobre a situación do hotel logo de coñecer que a Seguridade Social o sacara a poxa por impagos no ano 2012. O goberno do PSOE non informou sobre isto e enterámonos pola prensa da situación deste edificio municipal. É máis, cando se produciu o cambio de empresa que explota o hotel, o goberno local non só estaba ao tanto senón que nolo comunicou nunha reunión da que non levantaron acta nin achegaron documentación aos representantes da veciñanza engaden. Se naquela altura o PSOE tiña toda a información na man e nola transmitiu nesa xuntaza a porta pechada, non sabemos por que agora se fan os sorprendidos, criticou Del Río.
O BNG recorda que votou en contra desta concesión no seu día. O edificio foi cedido ao Concello para uso cultural ou educativo e o PSOE instalou nel un hotel que nada ten que ver con eses usos, e ademais por un canon ridículo, explican. Aseguran que esta concesión, como a ORA, é a mostra dos negocios ruinosos en que o PSOE meteu a Betanzos e cuxos pratos rotos pagamos agora a veciñanza.
O goberno local ten que explicarnos a toda a veciñanza que vai facer coas empresas concesionarias que non supoñen beneficio ningún para o Concello, porque non nos parece normal manter estes contratos daquela, concluíu o voceiro do BNG.