O BNG reclama ao goberno local actuacións e non promesas no caso do veleno nos parques
Se non chegamos a presentar o veleno por rexistro, o PSOE nin sequera se dá por enterado deste problema que preocupa a moitos dos nosos conveciños desde a pasada fin de semana e ten que ser a veciñanza quen retire o veleno porque o goberno local, simplemente, nin está nin se lle agarda.
Betanzos, 18 de setembro de 2013. O BNG presentou onte por rexistro unha mostra do veleno que unha ou varias persoas están botando nos parques do concello e que xa provocou varias mortes de cans. Os edís nacionalistas Henrique del Río e María Otero denuncian no escrito que segundo puidemos saber, cando menos no parque do Xuncaliño o veleno é distribuído varias veces ao día para burlar a recollida do mesmo por parte de usuarios e usuarias do mesmo.
Os edís do BNG alertan de que en varios casos, ademais, trátase de lugares onde hai unha reseñábel afluencia de cativos e cativas arredor dos parques infantís, polo que o risco para a saúde humana- ademais do perigo para o medio e animais de compaña- é máis que evidente.
Recordando que o Pleno declarou Betanzos como municipio amigo da infancia e dos animais, desde o BNG reclaman unha atención especial a sucesos como este e que o goberno local emprenda de inmediato unha campaña informando do perigo aos usuarios dos parques e zonas verdes municipais sobre esta problemática.
Desde o BNG solicitan ao goberno local do PSOE que se dea inicio a unha campaña destinada a erradicar a presenza destes velenos e organice un dispositivo encamiñado a indentificar aos responsábeis do mesmo e que no caso de reunir probas froito do anterior, que o Concello presente a pertinente denuncia diante das autoridades competentes.
Os nacionalistas instaron ao goberno local a abandonar a propaganda. Se non chegamos a presentar o veleno por rexistro, o PSOE nin sequera se dá por enterado deste problema que preocupa a moitos dos nosos conveciños, lamentou o voceiro do BNG, Henrique del Río. Desde a fin de semana está a preocupación na rúa e ten que ser a veciñanza quen retire o veleno porque o goberno local, simplemente, nin está nin se lle agarda, apuntou.
Agardamos que o anuncio dunha área de lecer para cans non teña o mesmo final que a rehabilitación dos escudos da praza de Alfonso IX, ironizou o voceiro do BNG diante do último anuncio do goberno local. A xente está bastante farta de todas estas promesas que se lanzan como un globo sonda e que ao final nunca se levan á realidade, indicou.