O BNG reclama que se amañe o edificio dos sindicatos
Xa denunciamos nunha ocasión no Pleno a falta de limpeza e os problemas de salubridade nas inmediacións e no propio edificio sindical, pero o goberno local do PSOE respondeunos que problemas de limpeza hai en moitos lugares de Betanzos e non fixo nada por solucionalo.
Betanzos, 22 de febreiro de 2013. O BNG pedirá no Pleno que o Concello reclame ao Ministerio de Traballo o mantemento do edificio sindical, ubicado no parque Pablo Iglesias. Segundo trasladaron usuarios do edificio, a falta de mantemento da cuberta provocou filtracións que ocasionaron diversos desperfectos no edificio pola caída do falso teito e as pingueiras, chegando a supor un perigo para os usuarios.
As persoas que acoden ao edificio sindical advirten igualmente de que o corredor e as escaleiras non teñen luz, e as fiestras e as portas están rotas. Ademais, a falta de limpeza e mantemento do xardín e a beirarrúa provoca problemas de salubridade.
Xa denunciamos nunha ocasión no Pleno a falta de limpeza e os problemas de salubridade nas inmediacións e no propio edificio sindical, explicaron os nacionalistas, pero o goberno local do PSOE respondeunos que problemas de limpeza hai en moitos lugares de Betanzos e non fixo nada por solucionalo.
Segundo explican desde o BNG, todo isto provocou que o edificio este case sen uso e polo tanto un empeoramento do servizo que os sindicatos emprestan aos nosos veciños e veciñas xa que as prestacións do edificio vense reducidas, imposibilitando que se impartan cursos de formación ou atendemento a problemáticas laborais, chegando mesmo ao punto de que se estea dando o servizo de asesoramento na rúa.
Ademais, os nacionalistas reclaman un convenio que poña en valor os espazos sen uso dentro do inmoble, como a antiga cafetería ou as dependencias que deixou baleiras ACEBE. Entendemos que sería un lugar que podería ter uso por parte da veciñanza se o Concello e o Ministerio chegaran a un acordo, indicaron, de feito temos constancia de que a asociaciación de veciños do barrio xa solicitou o uso deste local e incluso houbo algun tramite por parte do goberno local diante do Ministerio . Por este motivo, o BNG reclama ao goberno local dea pasos decididos decididos para chegar a un acordo co Ministerio que permita o uso veciñal dos espazos baleiros dun edificio construído con cartos de todos e todas.
Entendemos que non podemos consentir ter edificios que foron construídos con cartos públicos neste estado lamentabel mentras a asociación de veciños e veciñas da Madalena non ten local e os sindicatos atenden aos traballadores e traballadoras na rúa, criticaron.