O BNG reclamará no Pleno o saneamento do litoral betanceiro
Alegrámonos de que a presión social obrigase ao PP a darse conta da necesidade do novo colexio, aínda que non nos poñen doado confiar na súa palabra ultimamente.
Betanzos, 21 de febreiro de 2013. O BNG levará ao Pleno unha moción para reclamar á Xunta de Galiza a erradicación dos vertidos á ría e a súa posta en valor para o desenvolvemento de actividades económicas. Os nacionalistas explican que problemáticas como vertedoiros ou minicentrais no curso superior do río Mandeo, supoñen unha ameaza para o medio e mesmo para as persoas, polo que reclaman ao goberno galego unha solución.
Do mesmo xeito, os edís do BNG explican que no noso concello segue habendo vertidos de augas fecais directamente á ría e aos ríos en diversos puntos debido, en grande parte, ao urbanismo descontrolado que durante as épocas de especulación urbanística se permitiu desde as administracións, sen ningún tipo de medida destinada a garantir a sustentabilidade do medio. Por este motivo, a moción que presentan os nacionalistas insta ao goberno local a asumir como unha prioridade poñer fin aos vertidos urbanos de augas fecais aos ríos e á ría.
O pasado 31 de decembro a prensa daba a coñecer un informe realizado polo Ministerio de Medio Ambiente no 2010 no que se recoñecía un problema de contaminación na ría de Betanzos, moi probabelmente vinculada ás emisións de augas fecais a toda a bacía do Mandeo - Ría de Betanzos, tanto no noso municipio coma en todos os ubicados nesta zona explican os concelleiros do BNG na súa moción. A problemática detectada no 2010 moi probabelmente fose a máis de non se tomar medidas correctoras, cousa que se se fixo foi, desde logo, moi parcialmente a través de pequenas decantadoras para núcleos rurais advirten, para reclamar de Xunta e Concello unha implicación efectiva para poñer fin aos verquidos de augas fecais aos ríos brigantinos.
Os nacionalistas lembran na súa iniciativa que o BNG leva reclamando ano tras ano a rexeneración da ría de Betanzos e a súa posta en valor para actividades pesqueiras e extractivas nas Cortes Xerais, reclamacións que
ano tras ano foron caendo en saco roto xa que os distintos gobernos tanto do PSOE coma do PP. Do mesmo xeito, lembran que o PP ven de rexeitar unha emenda aos orzamentos da Xunta para destinar medio millón ao saneamento rexeneración e posta en valor para pesca e marisqueo da ría de Betanzos.
O BNG congratulase de que o PP finalmente acceda a modificar o orzamento para construir o novo colexio
Desde o BNG alegrámonos de por fin parece que o PP se dese conta da necesidade que Betanzos ten do novo colexio, indicou o voceiro do BNG Henrique del Río, nese sentido queremos dar os nosos parabéns a todos as persoas de Betanzos e a comarca que se mobilizaron, nomeadamente á ANPA do Vales Villamarin, porque estamos seguros de que grazas á mobilización conseguimos que o PP cambiara de opinión sobre este tema.
Os nacionalistas criticaron que o PP non aceptara a súa emenda aos orzamentos da Xunta hai unha semana cando iba encamiñada ao mesmo fin. Non entendemos porque hai unha semana se negaron a aceptar unha emenda do BNG encamiñada a dotar de orzamento o novo colexio, criticou Del Río, parecenos que non é de recibo porque causa unha preocupación innecesaria aos veciños e veciñas. Desde logo esperamos que non responda á unha manobra para mercadear coa Alcaldía de Betanzos, xa que isto sería totalmente impresentabel.
O BNG indicou tamén que estarán vixiantes para comprobar que verdadeiramente se consigna este aumento na partida e se comezan as obras o antes posíbel como ven de prometer o Partido Popular. Non nos poñen doado confiar na súa palabra ultimamente, ironizou o voceiro do BNG, quen engadiu que seguirán apoiando calquera acción que a ANPA emprenda para concienciar aos betanceiros e betanceiras da situación do Vales Villamarin e do dereito que todos temos a un ensino público e de calidade.