O BNG propuxo no Pleno que o concello solicite o dominio .gal
Desde o BNG solicitaron tamén unha liña de axudas ás entidades do Concello para que poidan mudar as súas webs ao dominio galego.
Betanzos, 9 de decembro de 2014. O BNG propuxo no Pleno que o concello solicite o dominio .gal. Desde o pasado 25 de xullo o noso país ten dominio de seu en internet co dominio .gal. Varios concellos, entre outras entidades, estiveron entre a lista de dominios pioneiros, explicou o voceiro nacionalista Henrique del Río.
Acabada esa primeira fase, na que o Concello de Betanzos estivo ausente, ábrese o período coñecido como Abrente ou Sunrise que permitirá que aquelas entidades tanto públicas como privadas poidan exercer o seu dereito preferente de solicitaren un dominio. Esta fase desenvolverase entre os meses de setembro e novembro, isto é, está a piques de rematar.
Simultaneamente ao Abrente desenvolverase o proceso de Carreira ou Landrush, en que aquelas persoas interesadas en dominios sen prioridade de especial interese poderán ter a súa oportunidade de solicitalo. Finalmente daráselle paso á Fase Aberta, en que se abrirá o rexistro libre de dominios para o público xeral e que comezará a funcionar arredor de decembro, indicou Del Río.
Por que motivo o Concello de Betanzos non se sumou á fase de pioneiros do dominio en internet para a lingua e a cultura galegas? Solicitou o Concello o seu dereito preferente a rexistrar o dominio betanzos.gal? En caso negativo, por que non? A que agarda?, cuestionou Del Río.
Entendemos que o PSOE non pida rexistrarse como PSOE.gal pero entendemos que a cidade que acolleu o primeiro discurso público en galego debe sumarse a este proceso, ou é que a lingua e a cultura galega só lle interesa ao goberno local para facer catro actividades rotineiras en maio e para traer mocións en contra dos recortes da Xunta?, criticou o portavoz nacionalista. Desde o BNG solicitaron tamén unha liña de axudas ás entidades do Concello para que poidan mudar as súas webs ao dominio galego.