O BNG exixe que o goberno local asuma as súas responsabilidades no edificio expropiado da Ribeira
Aínda dando por boa a explicación do PSOE, que clase de goberno responsábel é o que acorda facer un pagamento sen dispoñer dos cartos para facelo e expón irresponsabelmente ao Concello a novas demandas.
Betanzos, 22 de xaneiro de 2014. O BNG exixiu ao goberno do PSOE que aclare os motivos polos non pagou a totalidade da expropiación da Ribeira expoñendo ao Concello a novas condeas. Outra vez os veciños e veciñas de Betanzos están pagando as cacicadas urbanísticas do PSOE advirte o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Os cartos que tiñan que investirse en servizos para a veciñanza están indo continuamente a pagar indemnizacións polas trapalladas e a falta de previsión do PSOE, engadiu o edil do BNG. O PSOE ten que explicar como se entende que tendo unha licenza concedida para un edificio se delimite unha zona verde no mesmo solar a través do Plan Especial do Casco Histórico exixiu. Desde os anos 90 Betanzos arrastra até a actualidade as consecuencias e prexuízos da neglixencia do PSOE, engadiu.
En novembro de 2010, é dicir, na precampaña das municipais, o PSOE aínda criticaba ao PP por facer isto mesmo neste mesmo edificio, recordan os nacionalistas. Unha forma de actuar totalmente incoherente criticar o mesmo que agora fas no goberno, engadiu Del Río evidenciando que PSOE e PP gobernan exactamente igual e defendendo os mesmos intereses, que non son os da veciñanza.
Outra vez os veciños e veciñas de Betanzos están pagando as cacicadas urbanísticas do PSOE
O BNG exixe ademais que o PSOE explique como en 2013 cun orzamento xa prorrogado podían pagar o primeiro prazo da expropiación e agora, co mesmo orzamento igualmente prorrogado din que non poden. Sobre todo tendo presente que no orzamento figuraban 190 000 euros para isto, como o propio concelleiro de economía dixo ao defender estas contas tan alonxadas da realidade, engadiu Del Río.
Aínda dando por boa a explicación do PSOE, que clase de goberno responsábel é o que acorda facer un pagamento sen dispoñer dos cartos para facelo e expón irresponsabelmente ao Concello a novas demandas
Os nacionalistas advirten que esta explicación do executivo local non se adapta á realidade porque outros investimentos si que se están a facer a pesar de ter o orzamento prorrogado desde 2012. Aínda dando por boa a explicación do PSOE, que clase de goberno responsábel é o que acorda facer un pagamento sen dispoñer dos cartos para facelo e expón irresponsabelmente ao Concello a novas demandas, engadiu o voceiro do BNG.
Para o Bloque, a planificación urbanística que fixo o PSOE na Ribeira e as consecuencias que ten a diario para a veciñanza están á vista de todo o mundo. Os nacionalistas exixen ao PSOE que asuma os seus compromisos coa veciñanza da Ribeira, que continúa padecendo inverno tras inverno as inundacións nas súas vivendas.