O BNG propón reubicar o panel informativo na Ponte Nova
Pola avenida da Coruña entra e sae a maior parte da xente, cara traballos, hospitais ou centros escolares. Os semáforos obrigan a circular despacio na zona e a árbore que está pegada á ponte reduciría ademais o impacto visual do panel.
Betanzos, 27 de marzo de 2014. O BNG propuxo no Pleno ubicar o panel informativo noutro lugar aproveitando que foi retirado do Campo para unha reparación. No Campo o panel rompe a monumentalidade da praza explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
A nacionalista María Otero preguntou no Pleno se o executivo local ten pensado repetir o erro do PP de situalo na praza do Campo afectando negativamente á súa estética. Os nacionalistas propoñen colocar o panel noutro lugar onde sirva mellor ao seu cometido.
Cremos que tería moita máis utilidade nun sitio de paso habitual de entrada e saída da cidade engade o voceiro nacionalista. Desde o BNg recordan que noutros concellos da área metropolitana podemos velos nos accesos aos principais núcleos de poboación.
Por este motivo, os nacionalistas propoñen aproveitar a reparación para colocar o panel electrónico a carón da Ponte Nova. Pola avenida da Coruña entra e sae a maior parte da xente, cara traballos, hospitais ou centros escolares, explica o voceiro nacionalista. Os semáforos obrigan a circular despacio na zona e a árbore que está pegada á ponte reduciría ademais o impacto visual do panel, explica. Cremos que neste emprazamento o panel cumpriría moito mellor a súa función, enfatiza.
Os nacionalistas preguntaron ao goberno local se tiñan pensado colocar máis paneis coma o que estaba no Campo noutros accesos ao núcleo urbano.