O BNG denuncia as practicas irregulares dos contratos do goberno local
Nós temos claro que os provedores están sendo prexudicados con esta situación, tamén temos claro que Betanzos sae prexudicado pero a única responsabilidade desta situación é do PSOE que leva tres anos e pretende continuar coas mesmas prácticas sen asumir ningunha responsabilidade
Se o PSOE asumise as responsabilidades das súas irregularidades poderiamos empezar a falar de poñer solución á situación que están a crear as súas prácticas clientelares.
Betanzos, 26 de marzo de 2014. O BNG denunciou no Pleno as irregularidades na contratación de obras e servizos que o goberno local do PSOE pretendía validar con un modificativo do orzamento. Pretenden que asumamos a responsabilidade de aprobar facturas de servizos que contrataron a dedo, a quen quixeron, saltándose a lei, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
O PSOE levou a Pleno para aprobar case medio millón de euros en facturas gastadas fóra do orzamento prorrogado de 2012, explican. Os nacionalistas indicaron que era o oitavo modificativo de crédito nos tres meses de 2014 e reclamaron ao goberno local que faga o favor de aprobar un orzamento para este ano, como a lei exixe. Xa dixemos cando se aprobou que o orzamento de 2012 non se axustaba ás necesidades da veciñanza e neste momento calquera parecido coa realidade daquelas contas é pura coincidencia, ironizou Del Río.
Unha vez máis os informes da Intervención poñen de manifesto a orixinal forma de contratar servizos e subministros do goberno local do PSOE. Fraccionan contratos para evitar o concurso público e que calquera poida optar a eles, subvencións encubertas ás entidades que o goberno elixe, provedores habituais sen contratos,... indicou o voceiro do BNG, que insistiu en que as mesmas cousas lévanse repetindo desde o inicio do mandato, hai xa tres anos, e que antes o PSOE criticaba cando estaba na oposición.
Se o PSOE asumise as responsabilidades das súas irregularidades poderiamos empezar a falar de poñer solución á situación que están a crear as súas prácticas clientelares
Paga a veciñanza os custes do electoralismo, antes do PP e agora do PSOE, con ou sen sentenza contra o Concello, denuncian. Porque evidentemente, os servizos están emprestados e as empresas teñen todo o dereito a cobrar, engade Del Río. O que non quere dicir que nós teñamos que asumir como propias as irregularidades do goberno local do PSOE, que é o que non queren entender, explica. Se o PSOE asumise as responsabilidades das súas irregularidades poderiamos empezar a falar de poñer solución á situación que están a crear as súas prácticas clientelares, engade.
Dúas facturas reparadas de Aquagest
O BNG negouse a avalar dúas facturas de Aquagest, concesionaria do servizo de traída e saneamento, que foron reparadas pola Intervención municipal. Unha factura dunha obra sen ningún tipo de papeis que avalen a contratación e outra obra contratada directamente por decreto da Alcaldía de 2011 co IVE de agora, explica. O PSOE pretende que sen dar ningún tipo de explicación nin informes técnicos que as avalen asumamos estas irregularidades como propias para que poidan seguir favorecendo sempre aos mesmos, indican desde o BNG.
Ao propio alcalde non lle quedou máis remedio que deixar enriba da mesa este asunto diante dos informes demoledores da Intervención, explica Del Río. Nós temos claro que os provedores están sendo prexudicados con esta situación, tamén temos claro que Betanzos sae prexudicado pero a única responsabilidade desta situación é do PSOE que leva tres anos e pretende continuar coas mesmas prácticas sen asumir ningunha responsabilidade, concluíu.