O BNG propón levar as festas patronais a todos os barrios da cidade
Desde o BNG cren necesario innovar na programación festiva e propoñen abrir ás entidades culturais e veciñais a organización dos festexos.
Betanzos, 12 de xuño de 2012. O BNG presentou esta tarde na comisión de festas as súas propostas para a Feira Franca e as festas de agosto. A concelleira nacionalista María Otero defendeu a necesidade de conter o gasto en festas no actual contexto económico.
Para o BNG, é preciso que a Feira Franca sirva para poñer en valor a historia de Betanzos e a lingua e a cultura galegas, indicou a edila nacionalista. Desde o BNG cren necesario innovar na programación festiva e propoñen abrir ás entidades culturais e veciñais a organización dos festexos.
Os nacionalistas reclamaron ao goberno local que cumpra o plan de igualdade e suprima a figura da raíña das festas, que ademais permite destinar o seu custo a actividades para todos os veciños.
Para o BNG, cómpre que as festas de agosto sexan de todo Betanzos e non só da praza do Campo. Por este motivo, Otero propuxo organizar concertos polos barrios da cidade, contando cos grupos noveis xa que así se aposta pola cultura de base e se dá máis contido ás festas cun custo modesto á vez que se levan a toda a cidade.
O BNG tamén propón sacar a poxa a lancha municipal para o 25 de agosto se o goberno local a deixa amarrada no peirao. Desta forma, a dicir dos nacionalistas, poderían xenerarse recursos adicionais que axuden a financiar os festexos e que non se estarían aproveitando ao deixar a lancha atracada.
Non é ético pretender sacar beneficio político coas festas que se organizan con cartos públicos
Os nacionalistas lamentaron que o goberno local do PSOE convoque a comisión de festas logo de facer público un dos concertos e a celebración dunha nova xira aos Caneiros. Non entendemos que se nos convoque a unha comisión para falar das festas logo de que xa teñan pechado o programa e anunciadas as principais novidades, indica María Otero. Cremos que este proceder é facerlle perder o tempo á oposición, asegurou. Non é ético pretender sacar beneficio político coas festas que se organizan con cartos públicos, concluíu.