O BNG propón que se dea participación á veciñanza na redacción da ordenanza de tráfico para o Casco
Celebramos que o PSOE por fin se dea conta da necesidade de escoitar a veciñanza, agardamos que ese diálogo se dea de forma aberta porque até agora foi só con convite do PSOE.
Betanzos, 13 de febreiro de 2014. O BNG celebrou que o goberno local do PSOE anuncie conversas sobre o tráfico no Casco Histórico cunha parte da veciñanza. É un paso no bo sentido que por fin o goberno do PSOE fale con alguén, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Este é o único tema dialogado en todo o mandato e celebramos que o PSOE por fin se dea conta da necesidade de escoitar a veciñanza, engadiu.
Os nacionalistas aseguran que o do Casco Histórico non é un tema puntual, senón que afecta a todo o concello. Por este motivo, desde o BNG reclaman ao executivo local que ese diálogo que anuncian o teñan tamén cos outros partido políticos, que representamos a boa parte da veciñanza.
O BNG propón xuntanzas abertas para debatir sobre o tráfico no Casco Histórico porque as que houbo foron claramente con convite e o PSOE escolleu os interlocutores que quixo
Desde o BNG reclaman ao goberno local que convoque xuntanzas abertas para recoller propostas e informar á veciñanza sobre este proxecto xa que as actuais conversas foron claramente con convite e o PSOE escolleu os interlocutores que quixo. Nin sequera todos os veciños e veciñas do Casco Histórico fumos convocados a estas conversas engaden o BNG ten o local no Casco Histórico e nin como veciños nin como partido se nos remitiu convocatoria nin se nos pediu opinión en ningún momento.
Está claro que é importante definir unha norma e que se respecte asegura Del Río, mais esta norma ten que ser para todas e todos e por iso mesmo, todas e todos deberiamos ser partícipes na súa redacción. Desde o BNG advirten que ademais era ben que se respectara a ordenanza de tráfico no resto da cidade porque os problemas co aparcamento indebido, como todas e todos sabemos, non son exclusivos do Casco Histórico.
O Casco Histórico é un tema que afecta a toda Betanzos
Aínda que valoramos positivamente que empecen a cambiar as formas, despois de 3 anos e que o goberno do PSOE fale coa veciñanza, polo de agora non vemos a transparencia que debía ter un regulamento que define o futuro do maior patrimonio do noso concello, o Casco Histórico, explica Del Río.