O BNG lamenta que a única alternativa laboral do PSOE para a mocidade sexa o exército
Parécenos terríbel que mentres o goberno local do PSOE non fai unha soa crítica ás prohibicións de contratar persoal no propio Concello dea por bó que se siga contratando persoal para o exército.
Betanzos, 12 de febreiro de 2014. O BNG reclamou a retirada inmediata, tanto da web como das dependencias municipais, da publicidade que busca enrolar mozas e mozos betanceiros no exército español. Aínda que está a ser unha saída laboral forzosa para moita xente nova que non atopa un emprego estábel no noso país, enrolarse no exército non é sumarse a unha ONG como venden os anuncios do goberno nin é un emprego senón que entraña un risco incluso para a vida dos betanceiros e betanceiras, explica o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Os nacionalistas denuncian que o goberno español non aplica a austeridade que está a levarse por diante servizos públicos como o ensino ou a sanidade ou os sectores produtivos en crise do noso país. Parécenos terríbel que mentres o goberno local do PSOE non fai unha soa crítica ás prohibicións de contratar persoal no propio Concello, grazas á austeridade de Rajoy, dea por bó que se siga contratando persoal para o exército, criticou Del Río. A mocidade que se ve obrigada a enrolarse na armada podería atopar emprego nos sectores produtivos estratéxicos do noso país se os gobernos centrais, de PSOE e PP, investisen estratexicamente eses cartos en lugar de comprar armas e contratar máis soldados.
A mocidade que se ve obrigada a enrolarse na armada podería atopar emprego nos sectores produtivos estratéxicos do noso país se os gobernos centrais, de PSOE e PP, investisen estratexicamente eses cartos en lugar de comprar armas e contratar máis soldados
Moitas e moitos dos que recorren a esta saída atopan nela a posibilidade de alcanzar un salario fixo de aproximadamente 1.000 mensuais, que pode medrar de participar en conflictos internacionais explican os nacionalistas. O goberno do PSOE está facendo traballo de proselitismo para que o estado español teña carne de canón para ir facerlle o traballo sucio aos Estados Unidos en Afganistán denuncia o BNG. Segundo datos oficiais case o 60% dos mortos neste tipo de misións tiña entre 18 e 22 anos, e do conxunto do Estado aproximadamente o 22% dos mortos en Afganistán eran mozos/as galegos/as e un 40% estranxeiros/as indican. É este o destino que o goberno local do PSOE quere para a mocidade betanceira?, pregunta Del Río.
Desde o BNG lamentan que os mozos e mozas que sigan o chamado do goberno local do PSOE non atoparán respecto polo dereito a existir da súa nación e o sotaque galego que se lle escapa no seu destino en Murcia. Si atoparán, engaden, a permanencia dos valores máis reaccionarios de xenofobia, machismo, misoxinia, odio e España única, que seguen a estar presentes no exército español e que omite a propaganda espallada polo goberno local.
Está todo dito cando a única alternativa laboral para a mocidade que se lle ocorre ao goberno local é mandar fóra á xeneración mellor preparada da nosa historia, enviándoa ao exército aproveitando miserabelmente a crise
O voceiro do BNG, Henrique del Río, lamentou a falta de ideas do goberno local do PSOE para buscar oportunidades de emprego para a veciñanza. Xa está todo dito cando a única alternativa que se lle ocorre ao goberno é mandar fóra á mocidade mellor preparada da nosa historia lamenta o edil do BNG. En lugar de favorecer oportunidades en torno ao Casco Histórico ou o entorno natural, manda á mocidade a unha excursión da que non se sabe se retornará aproveitándose miserabelmente da crise e a falta de perspectivas económicas para convertir a mocidade en carne de canón, conclúe.