O BNG propón que o Concello restire o patrocinio a medios e actos sexistas
A violencia machista combátese con plans e programas, destinando recursos a atallar todas as manifestacións do machismo; non é só unha malleira e non se combate con paseos baixo a chuvia nin con xogos florais o 25 de novembro.
Betanzos, 24 de novembro de 2014. O BNG demandou no Pleno que o Concello elabore un plan de formación especial para o persoal que traballa con mulleres vítimas de violencia de xénero. Os nacionalistas demandaron ao goberno local do PSOE que sexa exemplar na loita contra a violencia cotiá e os micromachismos e, por tanto, rexeite e exixa responsabilidades políticas a aquelas persoas con cargos institucionais que fixeren declaracións machistas.
A moción que defendeu o voceiro do BNG, Henrique del Río, reclamaba tamén ao goberno local apoio para o asociacionismo que traballa no combate contra a violencia de xénero. O Concello ten que desenvolver, en colaboración co tecido social, unha campaña urxente de concienciación sobre a responsabilidade social e a necesidade de illar os agresores indicou o edil nacionalista.
O goberno do PSOE en Betanzos negouse durante estes 3 anos e medio, a pesar da proposta do BNG, a que se habilitara unha liña de axudas específica para asociacións que traballan a prol da igualdade e contra a violencia machista, criticou.
Ademais, no orzamento municipal que aprobaron este ano non aparece un só euro para loita contra a violencia machista nin para levar á práctica o Plan de igualdade que aprobaron o 8 de marzo de hai tres anos, como medida publicitaria polo día da muller- . O BNG presentou unha emenda a este orzamento reclamando unha partida para este fin, mais o goberno local negouse a debatela e a incorporala, explicou Del Río.
Por este motivo, a moción presentada polo BNG reclama que o Concello exixa o cumprimento da normativa en publicidade sexista, chegando a romper patrocinios con aqueles medios que o incumpriren. Ademais, reclaman que o goberno local deseñe un plan de sensibilización permanente contra a violencia machista que englobe ao conxunto da sociedade.
A violencia machista combátese con plans e programas, destinando recursos a atallar todas as manifestacións do machismo; non é só unha malleira e non se combate con paseos baixo a chuvia nin con xogos florais o 25 de novembro, engaden desde o BNG. Por este motivo, indican, non imos avalar coa nosa presenza o exercicio de cinismo do PSOE e o PP, que mañá farán unha pantomima teatral contra a violencia de xénero porque é o día de facelo e queda politicamente correcto, cando o resto do ano as súas políticas van no sentido contrario.
O BNG non pode participar da farsa hipócrita de quen ten a obriga de defender os dereitos das mulleres e non o fai, advertiu o edil nacionalista. Ao goberno local do PSOE éncheselle a boca falando de igualdade tal día como hoxe, pero despois non a practica nin dentro do propio Concello, denunciou.
Quen nada inviste nisto (o PSOE) compite con quen recurta 25 millóns de euros ao ano en políticas de igualdade (o PP) por ven quen o fai peor, ironizou Del Río. Iso si, despois PSOE e PP van facer unha foto e non teñen cargo de conciencia polas vítimas da violencia machista, denuncia. Vese que hai vítimas de primeira e de segunda, até para iso hai desigualdade, denuncian desde o BNG.
Antes de que remate o ano hai que aprobar un novo orzamento, se o goberno local do PSOE non pretende saltarse novamente a lei, engade o voceiro do BNG, Henrique del Río. A ver se entón o PSOE se acorda de todo o que din estes días sobre a violencia machista, porque o compromiso contra a violencia machista ten que durar todo o ano e ir máis alá das palabras bonitas, conclúe.