O BNG demandará que o Concello se posicione en contra do TTIP
Os dereitos sociais son dereitos inalienábeis, polo que non poden depender exclusivamente da lóxica do mercado
Betanzos, 18 de novembro de 2014. O BNG presentou unha moción para demandar do Concello de Betanzos que se declare contrario ao tratado transatlántico de comercio e investimento (TTIP) que están a negociar a Unión Europea e Estados Unidos. O TTIP, ao perseguir a liberalización total dos servizos públicos e a apertura de prestación destes ás grandes empresas trasnacionais pon en perigo todos os servizos públicos, advirten os edís do BNG na súa moción.
O comercio e o investimento soamente poden conducir a intercambios económica e socialmente beneficiosos se respectaren as necesidades humanas en todo lugar, e se non se basearen unicamente no beneficio dos especuladores financeiros e das empresas transnacionais advirte o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
A apertura máxima dos servizos públicos á competencia produce efectos contraproducentes canto á súa accesibilidade, a súa calidade, o seu custo e a incapacidade de xeración de valor e emprego no noso propio territorio indican os nacionalistas. Neste sentido, desde o BNG alertan de que a eliminación programada e progresiva dos servizos públicos é ao mesmo tempo a eliminación programada e progresiva da solidariedade e a democracia.
Os dereitos sociais son dereitos inalienábeis, polo que non poden depender exclusivamente da lóxica do mercado sosteñen desde o BNG. Só a existencia diversificada de servizos públicos socialmente útiles permite asegurar unha calidade de vida digna para todos e en todas as partes, en estreito nexo co exercicio real da democracia engade Del Río.
O Concello está obrigado a resolver os retos sociais, económicos e ambientais e, conseguintemente, a defender a universalidade dos servizos públicos e a protección da veciñanza, insiste o edil nacionalista. Desde o Bloque consideran que con este tratado reduciranse as posibilidades de creación de emprego desde os organismos públicos, ao mesmo tempo que a xeración neta de emprego descenderá, como nos amosan outros tratados similares. Ademais, advirten, a precariedade laboral será maior ao igualar a lexislación europea coa estadounidense.
Por este motivo, o BNG tamén propón que o Concello demande ao Ministerio de Economía que se faga pública toda a documentación relacionada con este tratado con base no Regulamento 1049/2001 da Unión Europea. Xa que o PP alardea constantemente dunha transparencia que non practica, que dea acceso á xente aos contidos deste tratado que, polo que se sabe, vai condicionar demasiado a nosa vida cotiá e o funcionamento dos nosos servizos públicos, engaden.
O pasado mes debatíamos sobre as trabas administrativas impostas pola Xunta á venda directa de productos agrícolas nos mercados tradicionais, recorda Del Río. Este tratado ten precisamente moito que ver con ese tipo de normativas xa que están a preparar o terreo para que se nos obrigue a adquirir productos norteamericanos cuns estándares de calidade notabelmente inferiores, conclúe.