O BNG reclama melloras na seguridade na zona da Avenida de Castela
Os vehículos mal estacionados nas rúas que desembocan na avenida dificultan a visibilidade nas incorporacións e comprometen a seguridade viaria.
Betanzos, 11 de xullo de 2016. O BNG trasladou ao Pleno as queixas da veciñanza da zona da avenida de Castela pola escasa visibilidade das rúas que desembocan na propia avenida. As veciñas explicáronnos que nesta zona son constantes os problemas causados por vehículos mal estacionados, declarou Henrique Del río, portavoz nacionalista.
A presenza habitual vehículos mal estacionados nas interseccións estarían pois a dificultar as incorporacións á estrada de Castela, mesmo comprometendo a seguridade viaria, lembra Del Río. Ao grupo nacionalista cónstalle que o goberno local foi informado pola veciñanza destes problemas, sen que teña resolto esta situación de falta de seguridade viaria, nin se tomen medidas correctoras, lamenta Henrique del Río.
Desde o BNG pregúntanse por que motivo o goberno está a permitir esta falta de seguridade e sobre todo, as nacionalistas deploran que non se adopten medidas para corrixila: pola inacción do goberno, calquera día habemos lamentar unha desgraza. As nacionalistas piden daquela unha solución para os problemas de seguridade viaria no acceso ao que é principal vial da cidade, e que o goberno adopte decisións sobre o estacionamento indebido nestes cruces.