O BNG propón ceder a persoas sen emprego o uso das terras improdutivas do Concello
Os nacionalistas propoñen organizar no centro de formación ocupacional municipal cursos relacionados con técnicas de produción agrícola, especialmente con cultivos ecolóxicos, e obradoiros de autoemprego e emprendemento no sector primario.
Betanzos, 23 de novembro de 2012. O BNG propoñerá no Pleno do vindeiro martes que o Concello ceda a veciños e veciñas desempregadas o uso dunha porción de terreos municipais. Os nacionalistas lembran que o Concello de Betanzos mercou, hai uns dez anos, varios milleiros de metros cadrados de solo na parroquia de Tiobre, para construír un complexo deportivo que nunca se construiu.
O Concello ten unha cantidade importante de terra improdutiva, que é precisamente a que o Bloque propón ceder en uso á veciñanza que o solicite. A proposta non implicaría un cambio de titularidade, xa que a propiedade destes terreos deberá seguir sendo municipal, o que se cederá será o seu uso por un espazo limitado de tempo.
Desde o BNG recordan que o centro de formación ocupacional municipal que o goberno local pretende desmantelar, conta entre o seu cadro de persoal cun monitor de xardinería. Por este motivo, segundo explicou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, os nacionalistas propoñen organizar no centro de formación ocupacional municipal cursos relacionados con técnicas de produción agrícola, especialmente con cultivos ecolóxicos, e obradoiros de autoemprego e emprendemento no sector primario. Isto sen desbotar que, desde o Concello se poida promover e a constitución dunha cooperativa coas persoas que cultiven estas terras para comercializar os seus produtos, indican desde o BNG.
A crise económica e as medidas do PP están creando unha situación socialmente complicada. Moitos veciños e veciñas teñen graves problemas para vivir con dignidade: o crecente desemprego- a nosa cidade ostenta o dubidoso récord de desemprego na comarca-, os recortes nos servizos públicos, as subas de impostos e o deterioro das condicións laborais teñen provocado un incremento importante do número de persoas que precisan axuda mesmo para comer, explicou Del Río.
Por este motivo piden ao goberno local que estude alternativas para poñer a producir as terras improdutivas de titularidade municipal e que sexan unha oportunidade para as persoas que o soliciten. Haberá que priorizar na concesión destas parcelas ás persoas desempregadas, con empregos temporais ou familias pertencentes a colectivos con risco de exclusión social, concluiu o voceiro nacionalista.
O BNG informa que o PSOE enviou unha nova proposta para a suba das taxas da auga
Despois de que o BNG fixera pública a suba das taxas que pretendía acordar o goberno local do PSOE co visto bo do PP e CxB, o executivo de Ramón García remitiu unha nova documentación. É moita casualidade de que logo de que o BNG valorase os datos que achegou o goberno local agora nos manden outra documentación, que teremos que estudar, ironizou o voceiro nacionalista.