O BNG exixe ao goberno do PSOE que cumpra o regulamento de uso dos locais sociais
Os nacionalistas reclaman ao goberno de Ramón García que trate por igual a todas as entidades xa que os locais sociais están construídos con cartos de todos.
Betanzos, 16 de novembro de 2012. O BNG exixiu ao goberno local que cumpra a ordenanza reguladora de uso de locais sociais que se ven de aprobar. Non nos parece de recibo que se aproben regulamentos para despois non levalos nunca a práctica, explicou Henrique del Río, voceiro do BNG, non é o único caso, o PSOE adopta acordos plenarios e aproba regulamentos q despois non executan. É a práctica habitual, gobernan a golpe de publicidade creando expectativas na veciñanza que nunca se cumpren.
O BNG reclamou en diferentes ocasións a cesión do uso dun local municipal á Asociación Mirabal de vítimas da violencia machista e o goberno local pon como escusa que non hai locais libres, cando sabemos que non é así, informou o nacionalista. O Pleno aprobou a nosa proposta para cederlle o uso dun local público, aínda que fose compartido con outras asociacións pero o PSOE xa advertiu nese mesmo Pleno que non o ía executar.
Desde o BNG tamén trasladaron ao goberno local as queixas da asociación veciñal de Betanzos o Vello porque ao non aplicarse o regulamento municipal só poden acceder a parte do local social mentres que hai dependencias que sempre están pechadas e as que só un colectivo ten acceso.
OBNG solicita que se cumpra a ordenanza reguladora dos usos dos locais para que todas as asociacións e colectivos do concello poidan facer uso en igualdade de oportunidades dos locais públicos que se manteñen con cartos de todos. Son locais que todos e todas mantemos e, polo tanto, todos temos dereito a usalos e para iso están. Non ten sentido investir un montón de cartos nuns locais e que despois non se faga nada para que teñan actividade e queden baleiros ou case sen uso, indicou o edil do BNG.
OBNG tamén pediu explicacións ao goberno do PSOE polo feito de que a metade da planta superior do Liceo estea ocupada todo o ano por un Belén de Nadal. Este local público podería ter moitos usos, pero está cedido todo o ano sen que se lle aplique o regulamento de uso dos locais sociais nin a ordenanza fiscal de aluguer da aula de cultura ou o salón azul, explicou o voceiro do BNG. Ademais, o responsábel desta instalación ten chave da porta do edificio, onde tamén se ubican as oficinas administrativas do Concello, apuntou.
Nesta liña, Del Río lembrou que xa hai meses que o BNG levou ao Pleno diferentes propostas para a dinamización dos locais sociais municipais como a creación dunha caixa de recursos, a creación dunha nova web para poder traballar en liña as diferentes asociacións ou que os calendarios de uso se fixeran públicos na porta dos locais e a través de internet para que toda a veciñanza puidera ter información de cando están libres. O Pleno aprobou por unanimidade esta proposta pero desde aquela non se ten feito nada nesta liña, criticou Del Río, que reclamou ao PSOE que se poña as pilas con este tema, e máis aínda nun caso coma o de Mirabal que fai unha labor importantísima en apoio das vítimas de violencia machista e que debera ter prioridade sobre calquera outra.