O BNG propón que o bus pare no entorno da ponte do Carregal os días de feira
Sería unha medida provisoria mentres duren as obras no entorno do convento de San Domingos. Hai queixas d@s viaxeir@s pola falta de información sobre a reubicación das paradas.
Betanzos, 27 de febreiro de 2015. O BNG propuxo no Pleno que o goberno local resitúe a parada do bus os días de feira na ponte do Carregal. Desde que comezou a obra fronte á biblioteca o goberno levou a parada do bus á rotonda das Cascas, a carón do mosteiro de Donas, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Isto, ao parecer, non foi trasladado da forma axeitada ás empresas concesionarias, que non saben onde teñen que parar e en consecuencia tampouco son capaces de informar aos clientes, co conseguinte prexuízo relata o edil do BNG. Esta situación, segundo as queixas que recibiu o BNG, xera un prexuízo a quen ven usando o transporte público para vir á feira, fundamentalmente xente maior de toda a comarca e que ademais van cargadas, relatou.
Os nacionalistas preguntaron no Pleno en base a que criterio o goberno local levou a parada do autobús para as Cascas en lugar de situala, por exemplo, nas inmediacións da ponte do Carregal que queda moito máis céntrico. O emprazamento elixido polo goberno local nestes meses de inverno é todo un impedimento para que a xente veña á feira usando o transporte público, entenden no BNG.
Polo que parece, a obra aínda non vai estar rematada para a feira do día 1 indican desde o BNG. Por este motivo, os nacionalistas propuxeron no Pleno que se delimite un espazo no Carregal de forma que o bus pare nas inmediacións da ponte sobre o Mendo. Non é o mesmo subir desde a Feira Nova ao Campo que facelo desde As Cascas, engade Del Río.
Se o servizo non é útil a quen o usa, perden as persoas que viaxan no autobús, perden tamén as compañías pero sobre todo sae perdendo Betanzos, engade o portavoz do BNG. Así malamente as feiras van poder funcionar como reforzo do comercio local, lamenta.