O BNG propón un banco de locais comerciais para revitalizar o sector
A política do PP afoga o comercio: máis IVE, máis IRPF para as persoas autónomas, recortes desde o Concello e liberalización do horario comercial.
Betanzos, 19 de outubro de 2012. O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Henrique del Río, reclámalle ao Goberno local do PSOE un cambio de rumbo nas políticas destinadas ao pequeno e mediano comercio de Betanzos, un dos sectores estratéxicos da cidade. Así, Del Río insiste nunha das propostas recollidas do programa electoral das municipais e aposta por crear un banco de locais comerciais baleiros e en desuso, tanto propiedade do Concello como de particulares, que se oferten en réxime de aluguer accesíbel. Esta medida, segundo o portavoz do BNG, revitalizaría o sector, ao igual que aconteceu noutras cidades e vilas onde se levou á práctica esta proposta.
Ademais, Del Río apela á necesidade de levar a cabo políticas fiscais desde as distintas administracións (Concello, Xunta de Galiza e Goberno central) en beneficio do sector, para que baixen os gastos fixos de mantemento destes negocios. Tamén propón promover o consumo no pequeno e mediano comercio como opción responsábel, con campañas municipais de concienciación e de estímulo, con medidas que interrelacionen a compra no pequeno e mediano comercio coa hostalaría.
O voceiro do BNG alerta de que as medidas impulsadas polo PP no Estado suporán o tiro de graza para o comercio. A suba do IVE, que fará diminuír o consumo, a suba do IRPF para as persoas autónomas e a liberalización de horarios comerciais, un premio para as grandes áreas comerciais que, á vez, atenta directamente contra o pequeno e mediano comercio, sinala. E o máis lamentábel é que o concelleiro de Formación e Emprego, Diego Fernández, non actúe contra estas medidas do PP, demostrando unha vez máis a incoherencia do PSOE entre o que din defender e o que fan alí onde gobernan. En vez de atender aos intereses dos e das comerciantes de Betanzos o goberno local do PSOE non fai nada para dinamizar un sector estratéxico para a nosa cidade engade.
Ademais, Del Río critica que nos orzamentos municipais o PSOE non incluíse un Plan de dinamización do comercio e pense que todo o que se pode facer para dinamizar o comercio está feito coa semana do pincho e a da tortilla. É sintomático que o Sr. García preferira gastar en festas que en impulsar o comercio, di o nacionalista.O Sr. García non ten ningún plan nin ideas para revitalizar un dos sectores clave na economía de Betanzos, advirte.