O BNG denuncia ilegalidades nas bases de contratación de persoal que o PSOE acordou con PP e CxB
Del Río: Non ten ningún sentido que modifiquen as bases de contratación para manter os mesmos vicios que tiñan as anteriores.
Betanzos, 18 de outubro de 2012. O BNG advertiu de que as bases de contratación temporal do Concello, acordadas entre PSOE, CxB e PP, contradín en varios puntos a lexislación vixente. Os nacionalistas aseguran que o Pleno a
cordara crear unhas bases xerais de contratación de persoal laboral e que a proposta do goberno local é para crear un sistema de listas de substitución. O goberno do PSOE non está a cumprir o acordo plenario, asegurou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Os nacionalistas advirten que os sistemas de creación de listas de substitución non teñen valor se non van acompañadas dun sistema de xestión que garanta a transparencia na rotación das mesmas e o respecto, a hora de contratar, ao posto que cada persoa ocupa nelas. Desde o BNG aseguran que estas bases que o PSOE acordou cos grupos de dereita da Corporación non teñen previsto como se xestionarán estas listas de substitución, polo que queda todo ao dispor do goberno local.
O portavoz municipal do BNG asegura ademais que estas bases permiten que coexistan listas de procesos selectivos e listas específicas de substitución, cando deberían ter máis valor as resultantes de procesos selectivos. Ademais, estas bases, segundo o edil nacionalista, contradín a lexislación no que ten a ver con estar en posesión da titulación que requira cada praza e mais no prazo de reclamacións contra listas provisionais de admitidos. A lexislación establece dez días e o goberno do PSOE, co apoio de PP e CxB, propón que sexa reducido a 5, ignorando a Lei, advirte Del Río.
Outra ilegalidade que pon de manifesto o BNG sobre a proposta do PSOE é que puntúan distinto os traballos prestados no Concello de Betanzos sobre os prestados en calquera outra administración local. Isto discrimina a quen fixo o mesmo traballo noutra administración local calquera e abre a porta ao clientelismo, advirte o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río.
Ademais, na valoración do coñecemento da lingua galega deberían facer constar as equivalencias dos Celgas coas titulacións anteriores, iniciación , perfeccionamento, etc.., para non levar a confusión á cidadanía.
A modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que o goberno local sacou adiante cos votos de PSOE e CxB e co voto en contra do BNG, non soluciona os graves problemas de persoal, que sobre todo no caso dos laborais, se dá no Concello de Betanzos. Entendemos que non é de recibo as diferenzas de salarios que existen entre uns traballadores laborais e outros porque non se fixo unha valoración adecuada das prazas, sinalou o voceiro nacionalista.
A modo de exemplo, desde o BNG poñen de manifesto casos concretos como os traballadores da escola municipal de folclore e o Conservatorio. Os traballadores do Conservatorio, se traballasen a xornada completa, cobrarían máis que o Secretario do Concello. Pola contra, os traballadores da escola de folclore perciben, por un traballo similar, o correspondente a un soldo base.
Ademais, denuncian que como na maioría dos casos do persoal laboral do Concello, estes traballadores están contratados por obra e servizo por un contrato temporal mentres que na RPT as prazas figuran como cubertas. Este é o emprego de calidade do PSOE, ironiza Henrique del Río.