O BNG presentará unha moción demandando a retirada do canon bibliotecario
Non se pode facerlle pagar por ler á xente. O canon repercutirá negativamente na renovación dos fondos da biblioteca municipal Castelao.
Betanzos, 24 de setembro de 2014. O BNG presentou unha moción en contra do canon bibliotecario que o goberno central do PP impuxo, e que que obriga ao pago polo empréstito a arquivos, museos e bibliotecas. Os nacionalistas denuncian que este canon, que exixe a Unión Europea, está pensado para países do norte de Europa que contan cun sistema bibliotecario que foi sempre o espello no que mirarnos, pero que no caso das bibliotecas galegas só vai empeorar a súa situación precaria.
Segundo o Bloque, este imposto á cultura fará recaer os pagos no Concello e repercutirá negativamente na renovación dos fondos da biblioteca municipal Castelao. Esta medida é un claro ataque ás bibliotecas públicas, que verán aínda máis diminuídas as posibilidades de actualizaren o seu fondo, e fai recaer o peso do pago sobre os concellos, que son, en moitas ocasións, as administracións que máis invisten en cultura a pesar de disporen de menos recursos que outras administracións denuncian os edís Del Río e Otero.
Os concelleiros nacionalistas denuncian que este canon é un ataque ao dereito da veciñanza á lectura e ao acceso á cultura. Unha vez máis as políticas do PP prexudican a quen menos ten, pois ao deteriorarse este servizo público dificultarase o acceso á cultura das persoas con menos recursos denuncia o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
As bibliotecas que prestan máis servizo e que teñen máis fondos e maior número de empréstitos son prexudicadas ao teren que achegar máis cartos por dar un maior e mellor servizo, feito que vai provocar unha rebaixa no seu nivel de calidade e de servizos prestados e mesmo unha diminución moi importante das súas adquisicións denuncian desde o BNG. Chegaremos ao absurdo de obrigar as bibliotecas a ter que prestar menos servizos, realizar menos compras e menos empréstitos para que os concellos propietarios desa bibliotecas poidan pagar menos cantidade polo canon advirte o edil nacionalista.
Desde o BNG advirten que este canon bibliotecario ven a sumarse á supresión e recorte nos programas de financiamento das bibliotecas municipais por parte da Xunta de Galiza e tamén ao desmantelamento de postos de traballo no sector editorial, que desde 2008 perdeu o 38% do emprego directo que xeneraba. E isto sucede ao tempo que a compra de fondos está a padecer, como toda a actividade cultural, a suba do gravame do IVE cultural, até o 21% denuncia Del Río.
Non se pode facerlle pagar por ler á xente advirten Henrique del Río e María Otero. Cómpre defender a biblioteca entendida como espazo xerador de cultura coa participación activa das persoas usuarias engaden e reclaman da Xunta un impulso ás bibliotecas e a defensa do libro o e da cultura galega, do produto cultural propio, de calidade, asequíbel e accesíbel a toda a xente.
Neste sentido, os nacionalistas reclaman que o Pleno do Concello se comprometa a defender a biblioteca municipal como espazo xerador de cultura e a garantir o orzamento axeitado para a compra de fondos.