Del Río: Despois das súas descualificacións, se Barral tivese un mínimo de vergoña, dimitía"
Cada convenio para facer caridade, cada nova medida de beneficencia e cada bolo benéfico que organiza o goberno local leva un despregue de propaganda e autobombo que ofende a quen recibe a axuda e a dignidade das persoas
Betanzos, 23 de setembro de 2014. Parécenos lamentábel que a concelleira de servizos sociais en lugar de preocuparse por atender as necesidades da veciñanza, que ademais ten dereito a ser atendida, se preocupe por descualificar ao BNG e a facer polítiqueo. Así respondeu o voceiro do BNG, Henrique del Río, ás descualificacións e insultos verquidos pola concelleira María Barral en nome do goberno local do PSOE.
O BNG dixo que na partida das axudas de emerxencia social quedaran 907,35 euros sen pagar a fin de ano porque é o que di a conta xeral, non inventamos nada, engadiu Del Río. Se o gasto responde a unha factura de comprar alimentos ou outra cousa é algo que só sabe o executivo porque a nós esa información non nola deron coa conta xeral, afirmou.
En todo caso, supoñiamos que o programa do banco de alimentos iría na partida dedicada precisamente a produtos alimenticios e que casualmente non só non ampliaron senón que nin sequera esgotaron, indicou. Se a conta recolle os gastos de calquera maneira e os nomes das partidas non se corresponden cos gastos que se lles imputan é imposíbel controlar a acción do goberno e poder facerse unha idea de en que gasta os cartos da veciñanza o goberno local, cuestiona. Claro que esta é a transparencia do PSOE, engadiu.
Resulta lamentábel que o PSOE e a señora Barral acusen ao BNG de usar temas de carácter social para obter un titular cando é precisamente o que se dedican a facer ela e o seu goberno, retrucou o nacionalista. Cada convenio para facer caridade, cada nova medida de beneficencia e cada bolo benéfico que organiza o goberno local leva un despregue de propaganda e autobombo que ofende a quen recibe a axuda e a dignidade das persoas, espetou.
O voceiro do BNG asegurou que o Bloque fai as súas valoracións sobre como se gasta o orzamento de servizos sociais do ano 2013 en base á conta xeral que elabora e nos achega o propio goberno. Se o PSOE maquilla tanto estas contas que até os seus propios edís non as recoñecen xa non é asunto noso, mais en todo caso a conta está aí e nela aparece o
que dicimos, ironizou.
Quen mentiu para sacar rédito político foi un partido que prometeu este ano subir as axudas de emerxencia social nun 700% e sen embargo as recurta en 10 000 euros con respecto ao anterior orzamento, engade. E ese foi o PSOE, non é o BNG, así que o lóxico é devolverlle as descualificacións e insultos á señora Barral porque as súas expresións describen como se comporta o goberno do que fai parte, abundou. Despois disto, se tivese un mínimo de vergoña e dignidade, dimitía, concluíu.