O BNG presenta as súas propostas sobre o tráfico no Casco Histórico
En Pontevedra ou Allariz, gobernadas polo BNG, a peonalización non só foi un aliado fundamental para os comercios, senón un importante factor de calidade de vida, un paso determinante para crear unha cidade para as persoas.
Betanzos, 13 de maio de 2016. O BNG-Asembleas Abertas presentou hoxe as súas propostas para regular o tráfico no centro histórico de Betanzos. As nacionalistas solicitaron, ademais, a reunión da comisión municipal de tráfico para que se tomen en consideración as propostas achegadas.
A peonalización é o camiño que marcan as cidades máis avanzadas do continente; esa é a senda do futuro
As propostas do BNG sobre o tráfico na zona articúlanse ao redor de nove grandes ideas e resúmense nunha filosofía: prioridade aos peóns. Nese sentido, o documento presentado hoxe polas nacionalistas ten como primeiro punto a retirada do aparcamento irregular e a preferencia peonil ou tránsito harmónico. Outra medida proposta é o estabelecemento de horarios e zonas de carga e descarga no tramo inicial da rúa de Santiago e a praza do Lanzós, no inicio da rúa Nova e na zona de Santa María. Entendemos que con estes tres puntos podería quedar cuberta a distribución neste entorno, declaraba Henrique del Río, sen desbotar outros puntos fóra do perímetro amurallado, se houber demanda.
Por outro lado, medidas como a creación dunha tarxeta específica para residentes, o convenio co aparcamento do Campo para facilitar o estacionamento gratuíto aos clientes do Casco Histórico permitiría, a xuízo do BNG, competir coas grandes superficies.
O portavoz nacionalista fai bandeira de Pontevedra ou Allariz (gobernadas polo BNG), onde a peonalización non só foi un aliado fundamental para os comercios, senón un importante factor de calidade de vida, un paso determinante para crear unha cidade para as persoas.
A experiencia urbanística en Pontevedra demostraría, para as nacionalistas, as bondades da creación e a oportuna sinalización de aparcamentos disuasorios. A sinalización das distancias en pasos e minutos aos principais puntos de interese acaba abrindo os ollos mesmo á persoa máis escéptica, defende Henrique del Río.
O BNG pon sobre a mesa a posibilidade de cambiar o sentido no acceso ao recinto amurallado, desde San Francisco, garantindo así máis usos no espazo público que o de simple aparcamento, permitindo mellores oportunidades para o comercio e hostalaría, explica o concelleiro nacionalista.
A presenza de mobiliario, a boa iluminación e actividade cultural complementaria son os mellor aliados para o comercio e a hostalaría
Asemade, outra medida proposta no plan é a mellora do aspecto actual das rúas, que ao xuízo do BNG non convidan ao paseo e o lecer, ao estaren privadas de mobiliario. Para Henrique del Río, unha rúa comercial en primeiro lugar ten que convidar a paseala, non ser un estacionamento.
O Casco Histórico é patrimonio de todas: abrámolo ao conxunto da veciñanza de Betanzos
En definitiva, para o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, resulta moi necesario que o goberno cambie o chip, que escoite a toda a veciñanza. E remata afirmando que só os consensos máis amplos nos van permitir recuperar o Casco Histórico, a nosa seña de identidade e unha grande oportunidade para o futuro de Betanzos.