Por uns orzamentos diferentes, xustos e participativos
"Votamos en contra non para destruír, senón para ir en contra dunha forma de entender a política local e o Concello. Votamos en contra esperando construír con esta oposición un proxecto diferente, xusto e participativo que dea vida ao noso concello e esperando que os outros grupos da esquerda recapaciten e empecen a pensar máis na veciñanza"
Betanzos, 11 de maio de 2016. O xornal "Betanzos e a súa comarca" solicitounos, para o seu número deste mes, unha valoración dos orzamentos municipais aprobados o pasado mes. Este é o artigo, da autoría colectiva da militancia do BNG, que remitimos. Boa lectura!
Por uns orzamentos diferentes, xustos e participativos
O Pleno, cos votos do PSOE, BN e CXG, ven de aprobar os orzamentos deste ano, que deberan estar en vigor desde xaneiro. O BNG votou en contra destes orzamentos. E despois de tanto escoitar falar do bos que son os orzamentos e do moito que aumenta o investimento e o gasto social, preguntarédesvos por que o BNG votou en contra?
Explicámosvos a verdade do orzamento municipal e os nosos motivos para opornos a súa aprobación. Para que cada quen poida opinar.
O primeiro motivo, votamos en contra porque o PSOE non fixo nada para que o puideramos apoiar. É moi lexítimo que tres forzas cheguen a un acordo nun pacto no Liceo, mais non se pode dicir que iso é participación veciñal, porque é precisamente o contrario. Nos levamos anos pedindo un orzamento participativo, no que a veciñanza opine en que se gastan os seus cartos.
O segundo, máis privatizacións. O gasto en servizos privatizados sube até 865.387,66 euros- o 10% do total do orzamento. En lugar de cubrir postos de persoal vacantes, o PSOE continúa privatizando servizos municipais: non hai cartos para cubrir prazas no cemiterio (16 000 euros para unha empresa privada), nada de cubrir baixas en limpeza viaria ou, por descontado, 100 000 euros para privatizar a xardinería. Soben tamén as partidas para privatizar servizos asistenciais- que o PSOE vende como aumento da inversión en Servizos Sociais- e até prevén fondos para contratar seguridade privada.
Até 315 000 euros se prevé gastar en festas mentres que para emprego, nada
Boa parte destas privatizacións, como vimos denunciando desde o BNG estes anos, son para facer clientelismo. E este é o terceiro motivo: é un orzamento para comprar vontades con cartos de todas. Para darlles contratos a dedo a quen o PSOE quere, evitando o concurso público. E así tamén prevén repartir 115 000 euros en subvencións a dedo a quen o goberno local elixe sen criterios obxectivos que se poidan contar publicamente. Para que todas as outras entidades poidan levar unha axuda, tan só 25 000 euros.
E por último o dispendio en cousas innecesarias mentres non temos para o básico. Até 315 000 euros se prevé gastar en festas: San Roque, Feira Franca Medieval, Entroido, Nadal, festa da tortilla... A pesar de que os datos do paro o desmonten ano tras ano, o PSOE turra en que crean emprego. Pero para emprego, nada.
Votamos en contra non para destruír, senón para ir en contra dunha forma de entender a política local e o Concello. Votamos en contra esperando construír con esta oposición un proxecto diferente, xusto e participativo que dea vida ao noso concello e esperando que os outros grupos da esquerda recapaciten e empecen a pensar máis na veciñanza e menos en competir, en votos, en gañadores e perdedores.