O BNG propón que o Concello poña en marcha unha bolsa de empréstito de libros de texto
É unha cuestión que non custa cartos, só depende da vontade do goberno pero polo que se ve o PSOE non está polo labor.
Betanzos, 27 de setembro de 2012. O BNG reclamou no Pleno. Segundo os nacionalistas, a ANPA do Colexio Vales Villamarín manifestounos recentemente a problemática que está habendo co sistema de subvención dos libros de texto, polo que reclamaron ao goberno local que articule algún tipo de bolsa de libros escolares en emprestito, igual que se está facendo noutros municipios galegos.
A situación económica e a suba do IVE están a facer moito máis complicado o inicio de curso para as familias, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Desde o BNG entenden que a posta en marcha desta medida permitiría facer máis levadeiro o curso en moitos fogares. Tamén propuxemos incrementar as bolsas de material escolar e crear novas bolsas para actividades extraescolares, apuntou.
Os nacionalistas explican que a pesar de que isto non supón ningún tipo de gasto adicional para o concello, até onde sabemos nin sequera se ten explorado a posibilidade de poñelo en funcionamento. É unha cuestión que non custa cartos, só depende da vontade do goberno pero polo que se ve o PSOE non está polo labor, indica Del Río.
Coordinación dos centros escolares do Concello
Na sesión plenaria os nacionalistas tamén se fixeron eco dos problemas de coordinación entre os centros educativos de Betanzos. A edila nacionalista María Otero explicou que hai serios problemas para coordinar o uso de instalacións deportivas e incluso para establecer os mesmos días non lectivos. Os nacionalistas solicitaron que ao goberno local do PSOE que convoque o Consello Escolar municipal para mediar neste tema.
Xestión dos servizos de comedor e mañanceiros
O BNG tamén demandou do goberno local que o Concello asuma a xestión do servizo de comedor e de mañanceiros que está xestionando a ANPA. Segundo explicaron os nacionalistas, trátase de que o Concello asuma a xestión do servizo. Actualmente o goberno local deixa a xestión sobre a boa vontade das nais e pais, que nos trasladaron esta demanda, explica Del Río.