O BNG presenta unha proposta para reclamar a Xustiza o mantemento do partido xudicial de Betanzos
Del Río: As taxas xudiciais universais vulneran o principio constitucional de igualdade, xa que a tutela xudicial polos cidadáns queda condicionada á condición económica ou posición social das persoas.
Betanzos, 21 de maio de 2012. O BNG presentou unha emenda á proposta de acordo para o mantemento do partido xudicial de Betanzos. Henrique del Río, voceiro do BNG de Betanzos, manifestou que no BNG vímonos obrigados a presentar unha emenda porque o acordo proposto polo alcalde non insta a ningunha Administración competente a defender o mantemento do partido xudicial de Betanzos.
O portavoz do BNG fixo fincapé en que o acordo do Pleno de Betanzos non pode quedarse nun simple rexeitamento da proposta do Consello Xeral do Poder Xudicial. Por este motivo, o BNG propuxo modificar o acordo para instar ao Ministerio de Xustiza e á Xunta a defender o mantemento do actual partido xudicial de Betanzos, diante das posibles reformas lexislativas que poidan iniciarse.
Del Río salientou especialmente que o goberno da Xunta debe asumir as súas competencias e debe defender que se teñan en conta as especiais particularidades e necesidades de Galiza, o que faría máis que necesario e xustificado o mantemento do actual partido xudicial de Betanzos.
Unha decisión que afecta a toda a comarca
A proposta do BNG tamén inclue dar traslado do acordo plenario aos Concellos afectados pola hipotética supresión do partido xudicial de Betanzos, coa finalidade de que se adhiran ao mesmo mediante os respectivos acordos das súas Corporacións Municipais, porque resulta moi necesaria a creación dunha fronte común que vaia máis alá do propio Concello de Betanzos.
Igualdade no acceso á Xustiza
Na súa emenda, o BNG tamén propón instar ao Ministerio de Xustiza a que retire o anteproxecto de lei, avalado o 30 de marzo polo Consello de Ministros, que obriga a todos os cidadáns a pagar taxas xudiciais, para poder exercer o seu dereito á tutela xudicial efectiva e acodir aos Xulgados e Tribunais.
Henrique del Río afirmou que o Concello de Betanzos debe defender o acceso de todos os seus veciños á xustiza, e rexeitar esta proposta do Ministerio, xa que as taxas xudiciais universais vulneran o principio constitucional de igualdade, xa que a tutela xudicial polos cidadáns queda condicionada á condición económica ou posición social das persoas.