O BNG presenta unha moción en defensa do partido xudicial de Betanzos
É evidente que o camiño non é a redución dos xulgados, senón que precisamente fan falla máis xulgados e mesmo habería que revisar a distribución dos xulgados atendendo aos cambios demográficos habidos nas últimas décadas.
Betanzos, 27 de xullo de 2013. O BNG presentou unha moción reclamando o mantemento do partido xudicial de Betanzos. O seu voceiro, Henrique del Río, manifestou que a reforma que impulsa o PP desde Madrid faise sen diálogo cos sectores afectados e decántase por un modelo provincial, que faría desaparecer todos os partidos xudiciais das cabeceiras comarcais, apartando así a administración de Xustiza da xente. Os nacionalistas cuestionan que esta reforma siga a liña que o PP xa trazou coa reforma da administración local, reforzando as provincias, divisións artificiais superadas pola realidade.
Coa reforma do PP, concellos coma Betanzos, que son cabeceiras de comarca, veríanse privadas de contar cun partido xudicial, o cal provocaría un auténtico caos e empeoraría o servizo á cidadanía explica Del Río. Para o BNG, as repercusións aínda serían peores para a xente que viven no rural debido ás deficiencias nas comunicacións. Ao empeoramento do servizo da Xustiza haberá que sumar tamén o impacto da supresión do partido xudicial na economía local, advirte.
O BNG denuncia que a reforma que impulsa o goberno do PP terá como consecuencia afastamento da xustiza, encarecemento e inaccesibilidade a un servizo público básico. Así, denuncian que o PP pretende afondar en impedir aínda máis o acceso á xustiza que comezou coa implantación de taxas xudiciais regresivas. Ao taxazo xudicial e á pretensión de reformar os Rexistros Civís, que auguran o rumbo privatizador do goberno do PP no Estado, hai que lle acrecentar agora esta nova agresión ao dereitos dos galegos e das galegas a un servizo público fundamental como é a xustiza denuncian os nacionalistas.
O centralismo non é o camiño adecuado para mellorar o servizo público da xustiza, indican os concelleiros nacionalistas na súa moción, onde recordan que a dotación de medios materiais da Xustiza galega depende nunha parte importante, da Xunta de Galiza. Por este motivo, o BNG ademais de opoñerse a esta reforma recentralizadora defende que se debe camiñar á transferencia da competencia sobre a demarcación e planta xudicial a Galiza.
Por este motivo, Del Río salientou que o goberno da Xunta debe asumir as súas competencias e debe defender que se teñan en conta as especiais particularidades e necesidades de Galiza, o que faría máis que necesario e xustificado o mantemento dos actuais partidos xudiciais, entre eles, e pola parte que nos toca, o de Betanzos.
É evidente que o camiño non é a redución dos xulgados, senón que precisamente fan falla máis xulgados indican os edís do BNG. Mesmo habería que revisar a distribución dos xulgados atendendo aos cambios demográficos habidos nas últimas décadas, indican.
Por este motivo, o BNG pedirá ao Pleno do Concello que se inste á Xunta a reclamar a retirada do proxecto que deixa un único partido xudicial por provincia. Ademais, propón que a Xunta reclame a transferencia á Galiza da competencia exclusiva sobre a delimitación da demarcación e planta xudicial, e permita acometer unha revisión que asegure o mantemento de partidos xudiciais nas cidades e nos concellos de maior poboación e aqueles que sexan cabeceiras de comarca.
Finalmente, os nacionalistas defenden que se proceda á racionalización da xustiza fundada nos criterios de respecto ao dereito á tutela xudicial, o acceso universal á xustiza, o achegamento da xustiza á cidadanía e unha maior accesibilidade desprovista de custos engadidos.