O BNG presenta alegacións aos orzamentos aprobados polo PSOE na xunta de goberno
Parece até unha broma de mal gusto dicir que se contan con máis ingresos urbanísticos na actual crise e logo de que rebentase a burbulla inmobiliaria
O BNG envía un boletín a todas as casas cun conto no que se explican as contas do PSOE.
Betanzos, 20 de agosto de 2014. O BNG presentou as súas alegacións aos orzamentos que o PSOE aprobou en xunta de goberno local. Os nacionalistas aseguran que o PSOE non tivo ningún interese en negociar as contas porque a Lei Local do PP permitíalles aprobar os orzamentos sen o Pleno e de costas á veciñanza.
Aprobando as contas ás agachadas o PSOE está incumprindo varias ordenanzas municipais que prevén a participación veciñal na elaboración das contas, advirte o voceiro nacionalista, Henrique del Río. O edil recorda que tanto o regulamento de participación cidadá como o do Consello da Mocidade establecen a obriga de recoller as propostas da veciñanza, algo que o PSOE obvia para atender só a súa comenencia electoralista.
No mesmo sentido, os nacionalistas fan súa a advertencia da Intervención sobre o incumprimento da Lei de Subvencións por parte do goberno local. Os técnicos municipais reclaman un plan de subvencións con obxectivos e efectos a perseguir e advirten que os cartos públicos deben ser repartidos en igualdade de oportunidades. O PSOE prefire dar os cartos públicos a dedo, para vender favores e comprar vontades, insisten desde o BNG. Ademais, advirten de que o incremento destas subvencións a dedo compromete o cumprimento do plano de saneamento do Concello.
Os nacionalistas reclaman ao goberno local que reconsidere as previsións de ingresos logo de que a propia Intervención cuestione as cifras do PSOE. Parece até unha broma de mal gusto dicir que se contan con máis ingresos urbanísticos na actual crise e logo de que rebentase a burbulla inmobiliaria, advirte o voceiro do BNG. Do mesmo xeito, desde o BNG reclaman ao PSOE que inclúa nas contas a totalidade dos cartos que as distintas concesionarias de edificios e servizos municipais deberían pagar aínda que non as estean a pagar na actualidade- terrazas do Campo, complexo San Roque, ORA e guindastre....
O BNG tamén reclama ao PSOE que modifique as contas para incluír o pagamento da sentenza pola indemnización do Cine Alfonsetti, que non figura nos orzamentos aprobados polo PSOE en xunta de goberno. Por fuxir da realidade esta non vai a cambiar e vai haber que modificar o orzamento tarde ou cedo para pagar, advirte Del Río. A non ser que o PSOE queira aínda engordarlles a conta sumándolle máis xuros aínda, ironiza.
Advirten desde o BNG que as contas non teñen partidas para cumprir moitos acordos adoptados polo Pleno, como crear bolsas para actividades extraescolares, poñer en marcha o viveiro de empresas, desenvolver o plan de igualdade ou potenciar o centro de formación ocupacional, entre outros moitos. Realmente o orzamento xa está practicamente executado na súa totalidade malia non estar aínda aprobado, censuran os nacionalistas, que cuestionan que o PSOE incumpra a Lei ao aprobar o orzamento en agosto e non antes de xaneiro.
http://youtu.be/Aqx7dJYvOMs Un conto para explicar os orzamentos
O BNG está a facer chegar nestes días a todas as casas de Betanzos un boletín especial onde explica, a xeito dun conto, os contidos dos orzamentos aprobados polo PSOE. Ademais, tamén publicou un cómic animado na súa web e redes sociais para explicar á veciñanza as contas do PSOE e os motivos polos que as rexeita.