O BNG pide que se repoña o banco da praza de Lanzós
Puxeron os bancos metálicos, a xente criticou o cambio e aos dous días desapareceron os bancos. Que repoñan o banco de madeira, os metálicos ou o que queiran, pero agora a praza é unha lameira".
Betanzos, 18 de outubro de 2013. O BNG reclamou ao goberno local do PSOE que aclare os motivos polos que retiraron os bancos recén colocados na praza de Lanzós en torno ao centenario magnolio. Os dous últimos alcaldes teñen a teima de poñer a cidade ao seu gusto e estragan recursos en xogar ás casas de bonecas, cuestionan os nacionalistas.
Na nosa opinión o que había que facer na praza de Lanzós era rematar o pavimento de cantería en torno á árbore, barnizar o banco circular de madeira e poñer algunha pranta rastreira para evitar que a terra seguise solta e darlle humidade ás raíces do magnolio, indican. Os nacionalistas consideran que deste xeito, mantíñase a personalidade da praza e garantíase o coidado da árbore.
Os nacionalistas consideran inexplicábel que se cambiase o banco circular de madeira polos catro de forxa sen motivo aparente. Puxeron os bancos metálicos, a xente criticou o cambio e aos dous días desapareceron os bancos, explica o voceiro do BNG, Henrique del Río. A ver se o PSOE se aclara co que quere facer coa praza, engadiu.
Desde o BNG entenden que a retirada dos bancos non se debe a que estivesen soltos, como aconteceu no Cantón, xa que as marcas das anclaxes permanecen visíbeis na praza de Lanzós. Por este motivo reclaman ao goberno do PSOE que aclare o motivo da retirada.
Contrataron unha empresa para poñelos, a dedo por non variar, logo de compralos, relatan. E agora que? Vanse pagar ou vannos devolver?, ironizan. Desde o BNG cuestionan a forma en que o goberno local, neste tema e noutros, gasta os cartos que asegura que non ten en actuacións que desfai ao momento, estragando cartos e recursos humanos do Concello que podían terse destinado a outras actuacións.
Desde o BNG reclaman ao goberno local que solucione a situación que provocou na praza de Lanzós. "Ou pretenden que a xente sente no chan?", ironizan. O necesario era amañar o chan baixo o magnolio e curiosamente ningunha das veces que o PSOE modificou a praza o fixo, indica Del Río. Que repoñan o banco de madeira, os metálicos ou o que queiran, pero agora a praza é unha lameira", conclúe o voceiro nacionalista.