O BNG reclama a PP e PSOE actuacións para evitar que siga caendo o Casco Histórico
Os nacionalistas lamentan que o PP faga críticas sen achegar ningún tipo de solución, como demostra o estado das casas da Xunta. Propuxemos crear un banco de locais comerciais, que cremos que pode recuperar a actividade económica no Casco Histórico.
Betanzos, 17 de outubro de 2013. O BNG lamentou que o goberno local do PSOE non adoptase ningún tipo de medida para frear o deterioro do Casco Histórico. Chegaron ao goberno prometendo actuacións subsidiarias nas casas que ameazan caer e permiten, coa súa inacción, que a especulación urbanística continúe destruíndo o Casco Histórico, recorda o voceiro do BNG, Henrique del Río.
O PSOE ten exactamente a mesma política do Casco Histórico que tiña o PP: ningunha, aseguran os nacionalistas. Manteñen as rúas peonís cheas de vehículos mal estacionados, eliminaron o mobiliario urbano do Casco e como todo investimento, parchean o pavimento, indican.
Por toda medida para o Casco Histórico presentaron unha moción para reclamarlle á Xunta que amañe as casas que comprou en 2011 para facerlle a campaña electoral ao PP, indican desde o BNG. Del Río lembra que o PSOE gastou 15 000 euros do orzamento en facer tres proxectos para a Xunta, sen estar obrigado a facelo, cartos que o goberno do PSOE tiña que ter investido en rehabilitar ou dinamizar o Casco Histórico.
O BNG denuncia que PSOE e PP evade nas súas responsabilidades na situación actual do Casco Histórico. Quen gobernou 30 anos na Xunta e 30 anos no Concello evaden as súas responsabilidades, asegura Del Río. Os que nada fan, discutindo cos que non fixeron nada para ver quen fixo menos mentres o Casco Histórico cae a cachos, resume.
O BNG lamenta que as dez casas da Xunta estean condeadas a caer ano tras ano porque o PP non ten vontade de amañalas, só de usar o Casco Histórico contra o goberno local. O PP fixo electoralismo con cartos públicos coa compra das vivendas do Casco Histórico, usándoas na súa campaña das municipais recorda. Prometeron a súa rehabilitación como vivendas sociais para gañar votos cos cartos de todas e todos, censuran.
Para os nacionalistas, PSOE e PP fan un paripé e declaracións retóricas pero demostran que PP e PSOE son iguais e non teñen intención de facer polo Casco Histórico nada que non sexan promesas en campaña electoral. O resultado é que o Casco Histórico continúa caendo a cachos, advirten.
Desde o BNG lamentan que o PP se limite a facer críticas sen achegar ningún tipo de solución, como demostra o estado das casas da Xunta. Vender fume si, crítica destrutiva tamén, pero facer propostas non se lle dá ben á dereita, ironizan.
Os nacionalistas reclaman ao goberno local do PSOE que repoña os bancos, macetas, papeleiras e demais mobiliario urbano da zona histórica para humanizala e que garanta a seguridade dos peóns retirando os vehículos dos espazos peonís. Ademais, instan ao executivo a impulsar a extensión das redes de fibra óptica e gas no Casco Histórico, xa que non pode ser que non se ampliasen desde que o BNG saíu do goberno local hai sete anos.
Propuxemos crear un banco de locais comerciais, que cremos que pode recuperar a actividade económica no Casco Histórico, indica Del Río. Non sabemos por que o PSOE non fai nada con isto a pesar de que respaldou o acordo no Pleno, engade.
Esta mesma semana, os nacionalistas propuxeron que o Plan de Obras da Deputación servise para financiar a rehabilitación do tímpano da porta da Ribeira e para mellorar as prestacións da escola infantil municipal, ubicada en San Francisco.
Respaldo á marcha polo emprego da CIG
O BNG sumouse esta tarde á marcha a pé polo emprego que desenvolve a CIG, dentro da campaña enfocada a pór no centro do debate social e institucional o grave problema do desemprego e as medidas que se deberían adoptar para enfrontalo. O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, xunto a voceiros, dirixentes e militancia do BNG das Mariñas, cubriu a distancia entre o polígono do Espírito Santo e a praza do Campo.
O BNG apoia a campaña emprendida pola CIG, que presentou un paquete con 100 propostas para a creación do emprego e o estímulo da economía, iniciativas que será trasladadas ao Parlamento de Galiza en forma de Iniciativa Lexislativa Popular.