O BNG pide que se repare a fonte dos Remedios
O BNG xa solicitou no Pleno o amaño da fonte dos Ánxeles e a da señora Jesusa, na Xerpe. Vai un ano diso e a pesar dos plans de mantemento insistentemente anunciados polo PSOE non se fixo nada por preservar estes exemplos da arquitectura tradicional.
Betanzos, 3 de xaneiro de 2013. O BNG reclamou no Pleno prazos concretos para a reparación da fonte dos Remedios. Segundo explicou a concelleira nacionalista María Otero, actualmente está levantado boa parte do banco de cantería" que rodea esta obra neoclásica, o que segundo os edís do BNG ten provocado molestias na veciñanza do barrio.
O voceiro nacionalista, Henrique del Río, lembrou que o BNG xa solicitou no Pleno o amaño da fonte dos Ánxeles, tamén neoclásica, e a chamada da señora Jesusa, na Xerpe. Ambas iniciativas foron presentadas polos nacionalistas o pasado ano e a pesar disto e dos plans de mantemento insistentemente anunciados polo PSOE non se fixo nada por preservar estes exemplos da arquitectura tradicional, denuncia o portavoz do BNG.
Esta non é forma de conservar o patrimonio, advirten os nacionalistas, que temen que a obra se continúe deteriorando. Por este motivo, reclamaron do goberno local do PSOE unha explicación sobre os motivos que levaron á fonte dos Remedios a presentar o estado actual e reclamaron que se concreten prazos para reparala e conservala dignamente.
Nova asemblea aberta sobre a antena de Viraventos
A menos de 200 metros desta fonte atópase a controvertida antena de telefonía móbil de Viraventos. O BNG ten convocado unha nova asemblea aberta para o día 10 a partir das 20:30 h no local social do barrio, situado na rúa Saavedra Meneses.