Del Río: É unha tomadura de pelo prever que se constrúe un colexio con 100 000 euros
Feijóo e o PP fixaron varios prazos para iniciar as obras e acordaron coa dirección do colexio e a ANPA incrementar o número de alumnos por aula porque no curso 2013-14 ía haber un novo centro escolar.
Betanzos, 2 de xaneiro de 2013. O BNG considera unha tomadura de pelo que o PP só conte con 100 000 euros nos orzamentos da Xunta para construír o novo colexio de educación infantil de Betanzos. Deste asunto lévase falando desde que o BNG impulsou a expropiación dos terreos no ano 2007 e o PP é o culpábel de que haxa silveiras onde xa tiña que haber un colexio en funcionamento, recorda o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
O BNG apoiará calquera medida de presión que os pais e nais decidan levar adiante para exixir que se garanta a calidade do ensino e a construción do colexio
O CEIP Vales Villamarín é o colexio máis masificado de toda Galiza e as políticas de recortes do PP fan que esta situación vaia a peor, indicou o portavoz do BNG. Feijóo e o PP fixaron varios prazos para iniciar as obras e acordaron coa dirección do colexio e a ANPA incrementar o número de alumnos por aula porque no curso 2013-14 ía haber un novo centro escolar, reprochou Del Río, e agora toda a veciñanza pode comprobar que as promesas do PP quedaron en nada.
Os recortes do PP están masificando as aulas e empeorando a calidade do ensino público, asegurou o edil nacionalista, como toda a veciñanza pode comprobar a pesar das mentiras de Feijóo e o PP.
O Vales Villamarín é o colexio máis masificado de toda Galiza
Esta mañá tivo lugar no Concello unha xuntanza para analizar o proxecto do novo colexio, que precisaría dun orzamento superior aos 3 millóns de euros e ao que o PP destina só 100 000. O BNG lamenta que como toda medida de presión diante da Xunta, o alcalde e o goberno local do PSOE só contemplen a enésima carta pedindo un favor e outra declaración institucional baleira.
O BNG trasladou este serán á ANPA Brigantium do CEIP Vales Villamarín a súa disposición a trasladar este problema ao Parlamento de Galiza e exixir do goberno galego do PP que cumpra os compromisos que Feijóo adquiriu na campaña electoral. Ademais, tamén apuntaron que os nacionalistas secundarán calquera medida de presión que os pais e nais decidan levar adiante para exixir que se garanta a calidade do ensino e as infraestruturas precisas para isto.
Os orzamentos da Xunta esquécense de novo do Casco Histórico de Betanzos
O BNG calificou de indignante que o PP contemple só 100 000 euros para rehabilitar as 11 vivendas que a Xunta comprou e mais as que foron aceptadas pola Xunta como doazón no Casco Histórico de Betanzos. Supoñemos que será para poñer un valo diante de cada unha e que os cascallos non caian sobre a xente porque esta cantidade, a verdade é que para moito máis non dá, ironizou o portavoz do BNG.
O pasado ano o BNG presentou unha emenda aos orzamentos na que reclamaba 250 000 euros para comezar a darlle volta á situación do Casco Histórico. Non entendemos por que seguen a aceptar doazóns de vivendas cando as van manter na mesma situación en que se atopan actualmente, cuestionan os nacionalistas.