O BNG denuncia que o PSOE contrata ilegalmente o persoal do Plan de Cooperación da Xunta
As bases da Xunta establecen claramente que a contratación debe ir enfocada cara persoas con dificultades para acceder a un posto de traballo, como parados de longa duración ou persoas en risco de exclusión social pero nas bases aprobadas polo goberno local do PSOE non hai criterios sociais por ningún lado.
Betanzos, 5 de decembro de 2013. O BNG exixiu esta mañá unha explicación ao goberno local do PSOE pola utilización dunhas bases manifestamente ilegais para a contratación de persoal ao abeiro do Plan de Cooperación da Xunta. As bases da Xunta establecen claramente que a contratación debe ir enfocada cara persoas con dificultades para acceder a un posto de traballo, como parados de longa duración ou persoas en risco de exclusión social pero nas bases aprobadas polo goberno local do PSOE non hai criterios sociais por ningún lado, advertiu o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Os nacionalistas aseguran que a Orde da Xunta que convoca as axudas do Plan de Cooperación deixa moi claro que en ningún momento contará como criterio a experiencia laboral previa e é o que premia o goberno local coa máxima puntuación nas súas bases.
O PSOE fai isto por puro clientelismo político, semella que pensan que hai persoas e familias que teñen dereito a traballar no Concello e outras que non
As bases que aprobou o goberno do PSOE para contratar este persoal incumpren ademais as bases xerais de contratación do Concello de Betanzos, engadiu Del Río. Non foron publicadas nin na web municipal, nin o anuncio apareceu en ningún xornal nin apareceron tampouco no Boletín Oficial e acaban coa contratación de sete persoas que xa están a traballar no Concello, explicou. Nin se fixo unha convocatoria pública nin se comunicou á Corporación nin nada, enterámonos pola publicación na web dos resultados provisionais da selección, advertiu o edil do BNG.
Evidentemente, estas bases de contratación, a todas luces ilegais por incumprir o que dispón a Xunta para o Plan de Cooperación, poden implicar que o Concello non reciba a subvención, indicou. E non será, por unha vez, polo sectarismo do PP, senón polo clientelismo do PSOE, asegura.
Desde o BNG advirten que con esta actuación lonxe de solucionar os problemas de persoal como prometeu o PSOE cando chegou, está agravándoos. É evidente que estas bases de contratación do goberno local están feitas a medida para contratar a alguén en concreto, indican.
O voceiro nacionalista, Henrique del Río, considera intolerábel que nun momento como o actual, onde este tipo de contratos coa Administración son a única posibilidade de traballar para moita xente, o goberno do PSOE non dá as mesmas oportunidades a toda a veciñanza. Ademais, os nacionalistas advirten que este tipo de contratos, segundo os datos de desemprego da Xunta, foron os que baixaron o desemprego os últimos dous meses no noso Concello. En outubro foron os 26 contratos do obradoiro de emprego e en novembro 7 dos 9 contratos laborais en todo o municipio é este plan de cooperación, explicou.
Estas prácticas recordan aos peores exemplos do clientelismo rural do PP e devólvennos aos momentos máis negros das maiorías absolutas do PSOE nos 90
O PSOE fai isto por puro clientelismo político, semella que pensan que hai persoas e familias que teñen dereito a traballar no Concello e outras que non, asegurou o voceiro nacionalista. Estas prácticas recordan aos peores exemplos do clientelismo rural do PP e devólvennos aos momentos máis negros das maiorías absolutas do PSOE nos 90, que precisamente provocaron o problema laboral que ten hoxe o Concello de Betanzos, afirmou.
O BNG non vai asumir como propias todas estas irregularidades e calar e mirar para outro lado, advertiu o portavoz nacionalista. Quen votou BNG votou igualdade de oportunidades no acceso ao emprego público e non o imos defraudar, se o PSOE defrauda a quen confiou nel e abraza as prácticas clientelares do PP alá eles, engadiu.
O PSOE sabe as irregularidades que está cometendo deliberadamente, indicou o nacionalista. A veciñanza terá que reclamar explicacións diante deste escándalo, e desde logo o BNG tampouco vai ficar parado, concluíu.