O BNG pide derrogar a ordenanza que multa con 100 euros a quen busque comida no lixo
Folga dicir que quen revolve no lixo é empuxado pola súa situación de necesidade e faino para atopar algo que o alimente ou que lle poida reportar algúns cartos.
Betanzos, 27 de xaneiro de 2014. O BNG propoñerá no Pleno que mañá celebra Betanzos que se derrogue a ordenanza de limpeza e se elabore unha nova norma en tres meses. Os nacionalistas explican que a actual norma é terriblemente antisocial, como xa dixemos nos recursos e alegacións que presentamos no seu día contra ela.
Os edís do BNG cuestionan que a ordenanza de limpeza vixente, aprobada co apoio de PSOE, PP e CxB, mantén a previsión de sancións que no BNG consideramos preocupantes. Neste sentido, os nacionalistas censuran que se prevé unha sanción de até 100 euros para a conduta tipificada como Selección, clasificación ou separación de calquera clase de material de refugallos depositado na vía pública.
Quen revolve no lixo é empuxado pola súa situación de necesidade e faino para atopar algo que o alimente ou que lle poida reportar algúns cartos
Segundo explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río, esta redacción quere dicir que a calquera persoa que sexa sorprendida revolvendo no lixo- quer en colectores, quer acumulado na vía pública- seralle aplicada unha multa de 100 euros. Folga dicir que quen revolve no lixo é empuxado pola súa situación de necesidade e faino para atopar algo que o alimente ou que lle poida reportar algúns cartos, engade concelleiro do BNG.
Isto é aínda máis grave nun momento en que a veciñanza está pasándoo realmente mal a causa da crise e das políticas que os gobernos do PP no estado e en Galiza impoñen, engaden. O impulso e aprobación por parte de PSOE, PP e CxB dunha norma que contén este tipo de sancións antisociais, e mesmo inhumanas, confronta coa súa participación e promoción de eventos benéficos, singularmente nas pasadas datas do Nadal, advirten desde o BNG.
O BNG lamenta que a actual ordenanza de limpeza viaria non regula as cuestións de limpeza viaria que un Concello debe e precisa regular, tal como fixar os horarios para que a veciñanza deposite os refugallos nos colectores do lixo evitando que este fermente durante toda a xornada na vía pública ou regular como se deposita o lixo nos colectores, horarios para sacudir alfombras e similares polas fiestras ou o rego de macetas nos balcóns. Pola contra, lamentan que se mete en cuestións como tenencia de animais de compañía na vía pública, vandalismo e mesmo restricións ao exercicio da liberdade de expresión coa escusa da limpeza da vía pública.
As normas están para cumprilas ou para derrogalas, xa que non aplicar unha norma que está aprobada e en vigor pode mesmo chegar a ser unha prevaricación, advirten os edís nacionalistas na súa iniciativa.
Por este motivo, os nacionalistas reclamarán que se redacte unha nova ordenanza, ben clara para que todos os veciños e veciñas poidan entendela e que trate só a limpeza viaria. Xa o dixemos en cada un dos recursos e alegacións que lle puxemos a esta ordenanza, o que fai falla é unha ordenanza que sirva á veciñanza, que mellore a recollida do lixo e a limpeza das rúas e que, en definitiva, aporte máis benestar, e non un catálogo de despropósitos como a actual, resume Del Río.