O BNG pide coñecer o gasto total do Concello na Semana Santa
Cuestionan que ademais da subvención a dedo á confraría, operarios municipais teñan que colocar elementos relixiosos en edificios municipais. Onde queda a separación entre Igrexa e Estado?
Betanzos, 1 de abril de 2016. O BNG-Asembleas Abertas demandou no Pleno que o goberno local informe con claridade e precisión da cantidade total que o PSOE decidiu gastar nos actos de Semana Santa. Ademais da subvención a dedo de 2000 euros que o goberno dá á confraría, as nacionalistas piden ao PSOE que concrete e faga público o gasto en concertos, acompañamentos musicais, cartelaría e folletos ou petiscos, entre outros.
Ademais, as nacionalistas demandaron ao executivo local que explique por que operarios municipais dedicaron parte das súas xornadas laborais á montaxe destes desfiles relixiosos, así como a instalar elementos da Semana Santa nos edificios municipais e nos campanarios. Igual que se cuantifica este custo para cobrarlle a taxa de transportes especiais a un transportista, estaría ben saber canto nos custan ás veciñas estas cousas, explica o edil nacionalista Henrique del Río.
Para as nacionalistas, sorprende o interese do PSOE en impulsar esta Semana Santa e contrasta co desinterese máis absoluto que amosan cara festas tradicionais e singulares que nos fan distintos como pobo e que están a desaparecer. Se cadra, apoiar os maios ou o entroido é ser demasiado galegos para o PSOE, e prefiren a Semana Santa para imitar a Zamora, ironizan.
Desde o BNG-AA lamentan que o goberno local sexa incapaz de cumprir coa separación entre Igrexa e Estado. Neste sentido, interpelaron ao goberno do PSOE para que aclare se considera que debe existir unha separación neta entre Igrexa e Concello e, de ser o caso, se consideran que as autoridades municipais, que representan a toda a veciñanza, participen en calidade de tais en ritos relixiosos dunha confesión determinada.
Elementos relixiosos en balcóns e edificios municipais
Un ano máis, as nacionalistas chaman a atención sobre a presenza de elementos relixiosos e emblemas da confraría da Semana Santa en edificios municipais. O balcón do Museo ou a Torre Municipal estiveron semanas con elementos relixiosos pendurados e do balcón da Casa Consistorial puxéronse os reposteiros, reservados a actos oficiais relatan.
O Concello debera ser neutral, garantindo así o respecto a toda a veciñanza con independencia das crenzas que poida ter, explican. Mais, ao que se ve, o PSOE continúa noutros tempos, cando as infraestruturas municipais estaban ao servizo dunha determinada confesión, lamentan.