O BNG pide que o Concello de Betanzos cancele todas as súas contas se goberno e Xunta venden NGB
O goberno central pretende vender NovaGalicia Banco antes de rematar o ano a través dunha poxa, mentres que respecta a permanencia de Bankia, entidade que se negan a vender.
Betanzos, 21 de novembro de 2013. O BNG rexistrou unha moción solicitando que, no caso de que Xunta e goberno central continúen co seu plan de venda acelerada de Nova Galicia Banco, o Concello de Betanzos retire todos os fondos que ten depositados na entidade e cancele todas as súas contas dándose de baixa como cliente.
Os edís do BNG Henrique del Río e María Otero advirten no texto da iniciativa da importancia estratéxica para Galiza da permanencia de Novagalicia Banco como banco galego independente. O banco, como antes as caixas, é unha ferramenta fundamental que o aforro dos galegos e das galegas quede en Galiza a fin de que sexa destinado prioritariamente a fornecer de crédito para o desenvolvemento dos sectores estratéxicos da economía do país.
O BNG denuncia que mentres o goberno central pretende vender a entidade antes de rematar o ano a través dunha poxa mentres que respecta a permanencia de Bankia, entidade que se negan a vender por considerala unha entidade sistémica para España. Para Galiza Novagalicia Banco tamén é sistémica por centralizar o aforro de miles de galegos e galegas, constituír un patrimonio económico fundamental para o desenvolvemento da nosa economía como pobo, prestar servizos na práctica totalidade dos concellos galegos e posuír un patrimonio cultural e de infraestruturas de vital importancia para Galiza, advirte o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Despois de destinaren máis de 9.000 millóns de euros de recursos públicos para o seu saneamento, a venda en réxime de poxa só permitiría recuperar unha parte moi pequena do diñeiro público investido advirten os edís do BNG, que consideran, polo tanto, que sería un negocio ruinoso para os contribuíntes.
Por este motivo, Del Río e Otero piden que o Concello de Betanzos reclame á Xunta que exixa de inmediato paralizar a poxa de NovaGalicia Banco por medio do FROB. A moción dos nacionalistas insiste na súa proposta de demandar a conversión do banco nunha banca pública galega que asegure o crédito para as pequenas e medianas empresas de Galiza.
NovaGalicia Banco é unha entidade estratéxica para o país e é necesaria para que as persoas e as PEMEs teñan financiamento, explican os nacionalistas. O aforro galego debe estar ao servizo dos galegos e galegas e non a disposición de fondos especuladores que xoguen co futuro de todo o país, advirten. Por este motivo, se finalmente a venda se leva adiante, o BNG reclama que Betanzos cancele as contas e retire os fondos da entidade.