O BNG pide que Betanzos se adhira á querela contra os crimes do franquismo
Desde que recuperou o goberno local, o PSOE leva dous anos e medio xogando con informes e comisións para non aplicar a Lei de Memoria Histórica que o propio PSOE aprobou. Iso si, malia manter asasinos e cómplices no rueiro deliberadamente, logo non teñen reparo en facer homenaxes á República o 14 de abril.
Betanzos, 19 de novembro de 2013. O BNG rexistrou esta mañá unha moción solicitando que o Concello de Betanzos apoie e se adhira á Querela 4591-10, do Xulgado Nº 1 de Bos Aires, República Arxentina, que leva adiante a maxistrada María Servini por delitos de xenocidio e lesa humanidade contra os responsábeis da conculcación dos dereitos humanos durante o franquismo.
Na súa iniciativa, os nacionalistas solicitan novamente que o goberno local do PSOE proceda retire todas as honras públicas que o Concello de Betanzos aínda mantén ao dictador, ministros, alcaldes e demais cargos públicos do réxime, así como aos patrocinadores, propagandistas e ensalzadores do golpe militar e posterior dictadura. O voceiro do BNG, Henrique del Río, explicou que desde que recuperou o goberno local, o PSOE leva dous anos e medio xogando con informes e comisións para non aplicar a Lei de Memoria Histórica que o propio PSOE aprobou. Iso si, malia manter asasinos e cómplices no rueiro deliberadamente, logo o PSOE non ten reparo en facer homenaxes á República o 14 de abril, ironiza.
O BNG pídelle á Corporación municipal que condene a sublevación fascista dirixida por Franco, no 1936, contra o réxime republicano lexitimamente constituído no ano 1931, e o réxime ditatorial posterior que durante corenta anos reprimiu con terrorismo de Estado todo vestixio de disidencia e loita pola liberdade, a xustiza social e os dereitos das persoas, e que levou a cabo máis de 5.000 asasinatos en Galiza.
Ademais, os edís do BNG María Otero e Henrique del Río reclaman que o Concello garanta o dereito a coñecer a verdade sobre aquel réxime, para contrarrestar os intentos de reescribir a historia que veñen facendo por parte dos seus herdeiros. As vítimas do franquismo, tanto as persoas que foron asasinadas, como as que foron represaliadas e as súas familias, teñen dereito a unha reparación digna e non discriminatoria e a ver que o actual estado de impunidade dos responsábeis dos crimes contra a humanidade remata, engaden.
Henrique del Río, portavoz municipal do BNG, indicou que solicitamos tamén que o goberno do Estado cumpra a recomendación da Comisión de Dereitos Humanos da ONU e derrogue a Lei de amnistía de 1977 para poder xulgar os crimes do franquismo no Estado español, que o BNG xa demandou en 2011 no Congreso dos Deputados. A recomendación da ONU produciuse en 2009, reiterada o ano pasado desde Xenebra, e dita que o Estado español está obrigado, baixo a lei internacional, a investigar as graves violacións dos Dereitos Humanos, incluídas as cometidas durante o réxime de Franco, e a procesar e castigar os responsábeis se aínda estiveren vivos, indicando que as vítimas teñen dereito de reparación, explica.
Engadiu que o réxime ditatorial, baseado na persecución e aniquilación física dos defensores e defensoras da liberdade, da xustiza social e dos dereitos das persoas, foi mantido polo exército, a oligarquía e a Igrexa católica durante os seguintes corenta anos mediante a feroz represión de calquera oposición, utilizando para iso medios que poden ser cualificados de xenocidio contra o seu propio pobo e terrorismo de Estado.
Finalmente, desde o BNG amosan a súa satisfacción por canto despois de transcorrer trinta e cinco anos, unha xuíza arxentina, María Servini, leva adiante unha causa contra o franquismo e os seus protagonistas vivos, por delitos de xenocidio e lesa humanidade, delitos que nin prescriben nin poden ser amnistiados por ningún tipo de lei de punto final. Aínda sendo tramitada desde instancias internacionais, esta querela comeza a romper o muro de impunidade do franquismo, contra o que tantas persoas e organizacións sociais vimos combatendo, indican os nacionalistas. Resulta, por tanto, un feito de importancia transcendental na loita pola xustiza, a verdade e a reparación dos danos causados aos centos de miles de vítimas do franquismo, conclúen.