O BNG pide que o Concello asuma a organización das actividades extraescolares

O BNG pide que o Concello asuma a organización das actividades extraescolares

Henrique del Río e María Otero conforman o grupo municipal do BNG

“Semellante volume de traballo exixe unha dispoñibilidade e un grao de entrega que non se lle pode exixir a ninguén de xeito diario e voluntario. Máxime cando son as administracións- Xunta e Concello- e non unha asociación as responsábeis destas actividades extraescolares”.

Betanzos, 17 de decembro de 2013. O BNG presentará una proposta ao Pleno para que o Concello asuma ou, cando menos, colabore de forma activa e achegando algo máis que unha parte do financiamento na organización das actividades extraescolares do Vales Villamarín.

Os nacionalistas presentan esta proposta despois de manter unha xuntanza con representantes da ANPA do colexio. Nesta xuntanza a directiva da asociación de nais e pais trasladou a súa preocupación -como tamén fixo xa de xeito público- debido ás súas dificultades para seguir asumindo a organización e xestión das actividades extraescolares.

“No BNG entendemos que asumir a organización das actividades extraescolares, como antes asumir o comedor e o servizo de “mañanceiros”, non son o cometido dunha asociación de nais e pais, mais é obvio que as circunstancias obrigaron a esta entidade a facer o que as administracións abandonaron”, explicou Henrique del Río, voceiro do BNG. “Temos claro que o goberno galego é o responsábel da política educativa, mais non é menos certo que o Concello, como administración máis próxima á veciñanza, debe facer un esforzo para que se manteñan as actividades e manter o actual horario escolar para a veciñanza- mellor en termos de conciliación e en criterios pedagóxicos- e complementar o ensino regrado con este outro informal”.

“En Betanzos é a ANPA do CEIP Vales Villamarín quen corre coa organización das actividades extraescolares que se ofertan. Xunta e Concello descansan das súas obrigas achegando unha parte do financiamento para estas actividades”, indicou del Río. Os nacionalistas recordan que son 300 os cativos e cativas que participan nestas actividades. “Semellante volume de traballo exixe unha dispoñibilidade e un grao de entrega que non se lle pode exixir a ninguén de xeito diario e voluntario. Máxime cando son as administracións- Xunta e Concello- e non unha asociación as responsábeis destas actividades extraescolares”, indica o portavoz nacionalista.

Bolsas para actividades extraescolares

Os nacionalistas reclaman de novo que se estableza unha liña de axudas para que as familias con máis dificultades económicas poidan acceder a estas actividades.

“A situación económica que estamos padecendo ten levado a algunhas familias a prescindir de matricular aos seus fillos e filias nestas actividades por non poder asumir o seu custo, como nos ten trasladado a propia ANPA”, indicou Del Río.

“Até en tres ocasións xa no actual mandato o Pleno votou favorabelmente mocións do BNG para que o Concello dispuxese unha liña de bolsas para as actividades extraescolares”, recordou o portavoz do BNG, “porén, as prioridades do goberno local do PSOE foron por outros derroteiros, preferíndose destinar os fondos municipais a gastos suntuarios e accesorios e non ao ensino- formal e informal- da veciñanza do futuro”.

O BNG pide que o Concello asuma a organización das actividades extraescolares