O BNG pide que se informe a veciñanza sobre os traballos na urbanización do Refoxo
Entendemos que lles resulte complicado ter informada á veciñanza de todas as ñapas que teñen en marcha, porque a tres meses das eleccións de golpe acumulouse todo o que non fixeron en 4 anos
Non sabemos é como se vai pagar xa que no orzamento, que aprobou en solitario o PSOE, só había 3480 euros para actuacións subsidiarias e esta obra saiu a concurso por máis de 30.000 euros
Betanzos, 12 de febreiro de 2015. O BNG reclamou explicacións ao goberno local pola acumulación de terra na urbanización paralizada do camiño de Refoxo. Estes movementos de terra, segundo nos ten trasladado a veciñanza da zona, estan causando problemas de seguridade viaria, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. Existen queixas entre a veciñanza de Saavedra Meneses xa que a rúa queda chea de terra e non se limpa, engadiu.
Polo que parece, esta terra provén dunha obra na circunvalación para a instalación dunha area comercial, indicou Del Río, estaría ben, como xa reclamamos noutros casos, que o goberno local do PSOE informase publicamente de en que consisten estes traballos que o propio concello contratou.
Se buscas información na páxina web municipal sobre as obras contratadas a verdade é que é moi complicado saber en que consisten exactamente os traballos porque a documentación dese contrato non especifica nada, criticou o voceiro nacionalista. Despois fachendean de transparencia, mais a verdade é que a veciñanza non sabe sequera que é o que están facendo con cartos públicos a carón da súa casa, relatou.
Polo que parece trátase dunha execución subsidiaria para dar resposta a unha demanda veciñal, que xa trasladamos varias veces ao Pleno polos problemas de salubilidade desta urbanización abandonada, indicou o nacionalista. O que non sabemos é como se vai pagar xa que no orzamento, que aprobou en solitario o PSOE, só había 3480 euros para actuacións subsidiarias e esta obra saiu a concurso por máis de 30.000 euros, engadiu.
Entendemos que lles resulte complicado ter informada á veciñanza de todas as ñapas que teñen en marcha, porque a tres meses das eleccións de golpe acumulouse todo o que non fixeron en 4 anos, ironizou del Río, efectivamente, hai 6 meses cando non facían nada era moito máis sinxelo.