O BNG pediu no Pleno información sobre os Plans da Xunta para o novo colexio
Del Río: Queremos saber se o goberno local ten coñecemento das intencións da Xunta de converter o novo colexio nun aulario dependente do Vales Villamarín
Betanzos, 3 de xullo de 2014. O BNG preguntou no Pleno sobre a situación do colexio que se está a construír no Carregal. Temos coñecemento por fontes de confianza que a Xunta ten pensado converter o novo colexio de educación infantil que se está a construír nun simple aulario do Vales Villamarín indicou o portavoz nacionalista, Henrique del Río.
A dicir dos nacionalistas, que a Xunta opte por converter o edificio nun anexo do CEIP Vales Villamarín en vez de seguir o plan orixinal e abrir un novo colexio complicará sensiblemente a organización e docencia do centro escolar, tanto polo feito de que continúe a ser o máis masificado do país como polo feito de que estaría dividido en varios edificios separados entre si por unha distancia considerábel e un cruce cunha densidade de tráfico elevada.
Por este motivo, os nacionalistas reclamaron ao goberno local que informase se coñecía estes plans da Xunta do PP. En caso afirmativo, desde cando? Nese caso, por que non se comunicou inmediatamente á comunidade escolar e á veciñanza en xeral? interpelan os nacionalistas.
Ante o silenzo do goberno local diante destes datos que circulan desde hai semanas na comunidade escolar, o BNG preguntou se quere dicir todo isto que o goberno local dá por boa a degradación do novo colexio a un simple edificio auxiliar do colexio existente.
Reclamamos información sobre os Plans da Consellería diante falta de transparencia e opacidade que levamos visto en todo este proxecto até o de agora, explicou Del Río, non nos parece de recibo que nin a Consellería nin o goberno local se poñan en contacto coa comunidade escolar para saber a súa opinión tendo en conta que son os que van facer uso dos dous centros escolares e os que saben de primeira man as súas necesidades reais.
Del Río reclamou que se explique se é certo este cambio nos Plans da Consellería de educación e a qué responde. Temémonos que se trate dunha medida de aforro en persoal no novo colexio, indicou, non é de recibo que se pretenda aforrar a costa da calidade do ensino das nosas fillas e fillos. Se isto vai adiante a consecuencia podería ser sobrecargar de traballo o equipo directivo e o persoal do CEIP Vales Villamarín e evitar instalacións propias no novo colexio, xa que as que hai poderías ser compartidas.