DEMANDA INFORMACIÓN SOBRE AS OBRAS ANUNCIADAS HAI SEMANAS NA FONTE DAS CATRO ESTACIÓNS
O BNG solicita o proxecto de rehabilitación do Pasatempo
Betanzos, 15 de setembro de 2020. O BNG trasladou ao goberno local no Pleno a urxencia de intervir no Parque do Pasatempo. “No BNG estamos moi preocupados pola acelerado deterioro do Parque que leva anos pechado e o seu deterioro agravándose por falta de axilidade do goberno local”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez. “Por isto preguntamos ao goberno en que prazos se espera que comece a traballarse no Paque para seguir evitando o seu deterioro”, engadiu Sánchez
O BNG pediu tamén ao goberno local que facilitara a todos os grupos políticos unha copia do proxecto de rehabilitación do Pasatempo.
Deterioro da Fonte das Catro Estacións
“Hai varias semanas fíxose público o desprendemento da cara da Fonte das Catro Estacións, e o goberno local anunciou unha semana despois actuacións urxentes sobre este ben patrimonial, parte do BIC do Pasatempo para pedir a Patrimonio permiso para intervir e un proxecto de urxencia para a súa rehabilitación, que redactaría o arquitecto Xan Casabella, segundo a nota publicada no web municipal. En canto se valora o custo desta intervención, entre proxecto e obra de rehabilitación?”, preguntou Amelia Sánchez, portavoz do BNG. “Descoñecemos con cargo a que partida orzamentaria se vai pagar este proxecto xa que no orzamento non hai partida reservada para isto”, engadiu a portavoz nacionalista.
Entrada pola pasarela cortada por mantemento
O grupo nacionalista denunciou tamén que a entrada ao Parque pola pasarela que une a zona nova do mesmo coa histórica que leva anos cortada, ao estar prohibido o acceso ao parque por risco de derrubo, pon como escusa que se está efectuando mantemento. “Non nos parece normal engañar á veciñanza e turistas para que non saiban que o Parque está pechado polo risco de derrubo e se diga que se está efectuando un mantemento, cando hai anos que a zona histórica do Parque está pechada”, concluíu a portavoz do BNG.