O BNG pediu ao PSOE que reconsidere a súa proposta de Plan Xeral tras coñecerse o informe previo
Pedimos que o PSOE aproveite esta segunda oportunidade para facer público o Plan Xeral e consultar á veciñanza
Betanzos, 29 de maio de 2015. O BNG pediu ao PSOE que reconsidere a súa proposta de Plan Xeral tras coñecerse o informe previo á aprobación inicial do Plan Xeral emitido pola Xunta. Pedimos que o PSOE aproveite esta segunda oportunidade para facer público o Plan Xeral e consultar á veciñanza, engadiu o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
O informe que se ven de facer público pon en cuestión o modelo de cidade e o crecemento que prevé o PXOM, como xa criticamos desde o BNG no seu momento, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. No propio informe se pon de manifesto que a construción de vivendas non se adapta á realidade de crecemento que en Betanzos tivemos nos últimos anos. Segundo o propio informe o ritmo edificatorio entre o ano 2000 e 2010 foi de 121 vivendas/ano mentres que a previsión do PXOM é de 160 vivendas/ ano. Como xa dixemos no seu momento é un crecemento completamente irreal, criticou Del Río.
Ademais, o informe da Xunta critica que o PXOM proposto non cumpre as previsións do Plan de Ordenación do Litoral en varios puntos, especialmente no vial que prevé construír pola Madalena até o porto, explicou del Río.
No seu momento fomos críticos tamén coa proposta do PSOE de construír un novo auditorio no Frade, que nos parece innecesario para Betanzos, engade. Mais se se precisase, o lóxico sería facer estas infraestruturas no Casco Histórico e non construíla practicamente enriba da beira do Mendo, e o informe da Xunta vennos dar a razón tamén neste tema.
Ademais o Plan proposto polo PSOE non fai reserva adecuada de solo libre e zonas verdes, xa que conta pequenos espazos e mesmo rotondas dentro deste solo, indicou o voceiro nacionalista. Coma xa fixo o BNG, a Xunta tamén se cuestiona a idoneidade do distrito sudoeste, na zona de Montellos e Infesta que no Plan se cualifica como urbano aínda que carece en moitas das vivendas dos servizos básicos para ser considerado como tal, abundou Del Río.
Parécenos que este informe pon en cuestión o propio modelo de cidade do PSOE, que non sabemos se a veciñanza refrenda porque non o fixo público na campaña electoral nin informou aos veciños e veciñas sobre o seu contido, engadiu Del Río. O PSOE ten agora unha nova oportunidade para facer as cousas ben, para facer público o Plan Xeral, colgalo na web municipal e recoller propostas da veciñanza xa que ten que modificar o seu contido para adaptalo ás demandas da Xunta, concluíu o nacionalista.