O BNG pediu ao goberno local a apertura dunha aula de estudo e que a Biblioteca municipal retome o seu horario habitual
Desde hai varios meses, a Biblioteca Municipal Castelao ten un horario reducido que imposibilita o seu uso polos estudantes do concello, ao ser esta a única sala de estudo de que dispoñemos en Betanzos
Betanzos, 3 de agosto de 2021.- O BNG pediu ao goberno local a apertura dunha aula de estudo e que a Biblioteca municipal retome o seu horario habitual. “Desde hai varios meses, a Biblioteca Municipal Castelao ten un horario reducido que imposibilita o seu uso polos estudantes do concello, ao ser esta a única sala de estudo de que dispoñemos en Betanzos”, explicou a portavoz do BNG Amelia Sánchez.
“A pesar de ter rematado o curso escolar, son moitas as persoas que precisan un lugar axeitado para preparar os seus exames, espazo do que carece o noso concello obrigando á veciñanza a desprazarse”, engadiu a nacionalista. Por todo isto desde o BNG solicitaron ao goberno que habilite unha sala de estudo alternativa á da biblioteca municipal. O grupo nacionalista pediu tamén información sobre cando retomará o seu horario habitual a Biblioteca Castelao.
Unha demanda do estudantado trasladada ao goberno polo grupo nacionalista
“Trátase dunha demanda na que levamos anos insistindo desde o BNG mentres o goberno se nega a habilitar un aula de estudo, que xa estivera aberta hai unha década no conservatorio. Todos os veráns hai queixas do estudantado e opositores que teñen que desprazarse á Coruña para atopar un espazo onde estudar, mentres se reduce o horario da biblioteca municipal e a biblioteca infantil leva máis dunha década rematada pero pechada”, concluíu a portavoz do BNG.