Galiza Nova reclama no Pleno que a biblioteca amplíe horario para preparar a Selectividade
En maio de 2009 trouxemos neste sentido unha moción ao pleno que saíu aprobada contando cos votos do actual equipo de goberno do PSOE.
Betanzos, 27 de abril de 2012. A mocidade betanceira entende necesario que a biblioteca municipal abra máis horas para poder preparar o exame da selectividade. Así o trasladou Galiza Nova ao goberno local do PSOE no último pleno, nunha iniciativa que presentou o BNG.
O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, expuxo a demanda da mocidade lembrando que en maio de 2009 trouxemos neste sentido unha moción ao pleno que saíu aprobada contando cos votos do actual equipo de goberno do PSOE. Teñen previsto ampliar o horario da biblioteca neste sentido?, interesou o edil nacionalista.
Del Río recorda que o BNG incluíu no seu programa de goberno a apertura dunha sala de estudo para épocas de exames como o fin de curso. Por este motivo, presentou no Pleno a alternativa de habilitar unha sala de estudo e interpelou ao goberno do PSOE sobre se, no caso de que decida non ampliar o horario actual da biblioteca contemplan algunha alternativa como habilitar unha sala de estudo provisoria?
Unha biblioteca infantil que non funciona e falta de apoio ao estudantado
O BNG lamenta a falta de apoio ao estudantado por parte dos equipos da anterior alcaldesa do PP e o actual alcalde do PSOE. O PP embarcou ao Concello nun enorme gasto nunha biblioteca infantil que non funciona recorda o voceiro nacionalista, e o PSOE non puxo solución ao problema e só fala do tema para facer reproches.
O PSOE bótase flores para dicir que temos a biblioteca con mais socios de toda a comarca, pero non fai nada por mellorar as prestacións da biblioteca nin os servizos aos usuarios, indican os nacionalistas. Betanzos ten tres institutos e un importante colectivo de opositores e universitarios aos que dar tamén servizo, aseguran. Se ese número de socios non é maior tamén pode ser porque non temos máis que unha biblioteca pública, e non hai biblioteca infantil nin sala de estudo ironizou Del Río, que considera que daquela dubidamos que iso sexa algo do que fachendear.